Ferrol prepara a publicación do Regulamento de Participación Cidadá

Ferrol prepara a publicación do Regulamento de Participación Cidadá

04 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Regulamento de Participación Cidadá de Ferrol, inda que está vixente dende o pasado mércores, celebrará a súa entrada en vigor nun acto festivo que se celebrará, previsiblemente, o 23 de xaneiro de 2010 no Teatro Jofre. Esta nova ferramenta que foi aprobada sen ningún tipo de alegación, permitirá a creación de novas figuras como a do Defensor da Cidadanía, a Comisión de Queixas e Suxestións, o Consello de

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, avanzou que o acto será público e festivo. Posteriormente o Regulamento será publicado xunto cun glosario de 300 termos relacionados non só co proceso do Regulamento senón tamén coa democracia en xeral. A edición deste diccionario político-administrativo será posible a través dun convenio de colaboración que o Concello asinará co Colexio Profesional de Ciencias Políticas e Socioloxía de Galicia.

O Regulamento Municipal de Participación Cidadá ten como obxecto regular as formas, medios e procedementos de participación dos veciños na xestión e control das políticas públicas municipais, tanto individualmente como a través de entidades cidadás. O seu ámbito de aplicación inclúe a todos os veciños do municipio inscritos no Padrón Municipal de Habitantes e ás entidades cidadás con presenza no termo municipal de Ferrol inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás.

En canto ao seu contido, os representantes do Grupo de Análise e Propostas, coincidiron en destacar o seu valor e carácter vangardista, sinalando  que xa incluso antes de que entrara en vigor deu os seus primeiros froitos, en relación ao proceso piloto dos Orzamentos Participativos, que se atopa xa na súa fase final. Avanzaron tamén a intención de propor novos barrios obxecto de actuación no marco destes Orzamentos Participativos e confiaron en que esta ferramenta sexa unha plataforma para poder chegar a toda a cidadanía e que sexa capaz de resolver os seus problemas.

Manuel Santiago, valorou positivamente a aprobación e posterior entrada en vigor deste Regulamento que definíu como “o máis vangardista, moderno e mellor adaptado aos tempos actuais”. Dixo tamén que se trata dun documento moi ben redactado, elaborado e pensado e proba delo é que non recibiu nin unha soa alegación. O edil quixo recoñecer publicamente o labor levado a cabo pola cidadanía, que é a que fixo posible a súa consecución. Do mesmo xeito agradeceu tamén o traballo realizado neste tempo polo tecido asociativo da cidade a través do Grupo de Análise e Propostas (GAP), hoxe Comisión provisional de Seguemento.

Institucional