Ferrol recupera a fonte do Cantón de Molíns

Ferrol recupera a fonte do Cantón de Molíns

30 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Ferrol recupera a fonte do Cantón. Os fondos do Plan Ê fixeron posible recuperar unha fonte que levaba máis de sete anos inutilizada toda vez que o seu equipo de bombeo non funcionaba e o seu circuito hidráulico atopábase nun avanzado estado de deterioro.

O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, desprazouse esta mañá, xunto coa concelleira de Servizos e Medio Ambiente, María López,  ata o Cantón de Molíns para supervisar o remate das obras de restauración da fonte alí ubicada, a única destas dimensións que existe actualmente na cidade de Ferrol, feito que a convirte nun patrimonio que era preciso recuperar. E así se fixo, con cargo ao  Fondo Estatal de Inversión Local, o programa anticrise articulado polo Goberno de Rodríguez Zapatero para favorecer a xeración de emprego a través de investimento público. Neste senso, Vicente Irisarri subliñou que a actuación é un símbolo da futura recuperación da primeira alameda coa que contou Galicia. Para iso, o Concello recurrirá aos fondos do Plan Urban nos próximos anos.O estado da fonte do Cantón podía provocar algúns accidentes, xa que era posible acceder aos cubos interiores da fonte, destinados a estar cheos de auga, con moita facilidade. Agora, tal e como subliñaron o rexidor municipal e a edil de Servizos, esta situación subsanouse co proxecto que executou a empresa Constructora San José SA, consistente na realización de obras de renovación do circuito hidráulico e do equipo de bombeo. Xa polo miúdo, a concelleira María López explicou que os traballos, orzamentados en preto de 60.000 euros, consistiron na desmontaxe do  equipo de bombeo da fonte e na instalación dun novo, así como do sistema de tuberías da auga que se atopaban completamente oxidadas. En canto ao seu aspecto exterior, acondicionouse o seu perímetro coa colocación dunha xardinera arredor, con prantas de diferentes tonalidades, e aplicouse unha man de pintura gris moi claro que sustituíu á cor azul que tiña no seu día. Non só iso, as obras completáronse coa instalación de iluminación nocturna. Así, a fonte, que se nutre da mesma auga continuamente, aporta agora un atractivo estético á zona. Ao respecto, a edil destacaba o ambiente sonoro que crea e lembraba que a auga pode verse dende o barrio de Canido (na rúa Alegre), intención coa que fora planificada no momento da súa construcción. Na execución destas obras traballaron catro operarios: dous mantiveron o seu posto de traballo e outros dous asinaron un contrato laboral con estas obras. O alcalde, Vicente Irisarri, destacou a importancia dos traballos levados a cabo no marco do PlanÊ na fonte do Cantón, xa que supuxo unha notable mellora estética nun dos principais pulmóns ecolóxicos da cidade, ademais de garantir novamente a seguridade dos cidadáns eliminando o perigo que existía antes do seu acondicionamento pola situación na que se atopaba. Así mesmo, o rexedor municipal valorou que as obras, xa finalizadas e que nacen dunha demanda cidadá, contribuirán sen dúbida a facer máis agradable a estancia no Cantón de Molíns aos cidadáns. Así mesmo, Irisarri fixo fincapé na política de humanización de espazos públicos que está a levar a cabo o actual Goberno municipal ampliando servizos destinados á cidadanía.

Sociedade