Ferrol reescribe a historia “en feminino”

Ferrol reescribe a historia “en feminino”

22 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Casa da Muller de Ferrol acolle esta tarde a presentación da II Fase de “Ferrol en Feminino”, un novo estudo que xira desta vez ao redor do papel das mulleres na historia da educación na cidade. O acto, previsto para as sete do serán, correrá a cargo da concelleira de Muller, Beatriz Sestayo.

O proxecto de investigación “Ferrol en Feminino 2. Primeiros pasos na historia da educación” é un estudo e unha continuidade do realizado o ano pasado baixo o título de “Ferrol en Feminino. Mulleres na historia da cidade”. O obxectivo é amosar os primeiros pasos da educación a través das pequenas escolas que pola iniciativa particular de moitas mulleres comezaron nos seus domicilios a ensinanza das nenas e nenos pequenos. Nel traballou durante seis meses un equipo técnico integrado por unha historiadora, unha educadora social e unha periodista. O traballo foi coordinado pola técnica da Casa da Muller, Rosa Millán.

O traballo recolle a evolución do ensino que recibiron as nenas de Ferrol dende o século XVIII ao XX, para o que foi necesario botar man de fontes tanto impresas como arquivísticas, fundamentalmente do Arquivo Municipal de Ferrol, o do colexio Compañía de María ou o do Hospital de Caridade. Tamén fíxose unha recompilación de elementos fotográficos e documentais facilitados por diversas institucións e particulares da cidade. Na investigación recóllese como era o acceso á educación nese período: ben na casa -naqueles casos nos que a familia tiña diñeiro para pagar a un titor ou ensinante- ou ben nas escolas rexidas por mestras particulares, cando non había diñeiro para a primeira opción. Ao non existir ensino público de nenas estes eran os primeiros espazos dunha formación moi básica e práctica relacionada coas tarefas desempeñadas polas mulleres, que máis adiante completábase coa lectura e a escrita. Recolle tamén informacións como a relativa á primeira escola pública para nenas, a Escola Pía, fundada no ano 1830 e rexida polo Concello e o Hospital de Caridade.A publicación “Ferrol en Feminino 2. Primeiros pasos na Historia da Educación” enmárcase dentro do proxecto “Ferrol en Feminino”, un ambicioso programa posto en marcha polo Concello de Ferrol co obxectivo de facer visible e pór en valor a contribución das mulleres que, aínda en ocasións esquecidas, fixeron cidade. Trátase de visualizar a achega das mulleres en todos os ámbitos da vida e na creación do tecido social da cidade dende a súa liberdade feminina.

A primeira parte deste proxecto incluiu a exposición “Ferrol en Feminino”, que despois da súa inauguración na Casa da Muller percorreu diferentes centros educativos como o colexio Valle Inclán, os IES Saturnino Montojo e Sofía Casanova e a Facultade de Humanidades. Así mesmo, editouse a publicación ">“Ferrol en Feminino: Mulleres na historia da cidade”, presentada o pasado xoves polo alcalde, Vicente Irisarri, e a concelleira de Muller, Beatriz Sestayo, que constitúe a primeira parte do proxecto “Ferrol en Feminino”. Este completouse co deseño de dous roteiros turísticos elaborados pola Concellería de Muller que recollen os itinerarios vitais onde viviron e desenvolveron as súas actividades 283 mulleres que, por diferentes motivos, deixaron a súa pegada na historia da cidade. Os roteiros permiten descubrir espazos e lugares relacionados coas vidas das mulleres que se esforzaron por dar a súa vida, por mellorar as condicións do traballo feminino ou por desfacer inxustizas en tempos de guerra e durante a paz.

Sociedade