Ferrol Vello reactívase contra a desidia

Ferrol Vello reactívase contra a desidia

27 de Xaneiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello reanuda a súa Actividade no Barrio. A primeira acción consistirá nunha xuntanza informativa no barrio o vindeiro sábado día 8 de febrero, con motivo do terceiro aniversario da declaración do barrio como Conxunto Histórico. A Comisión Cidadá, promotora da declaración do barrio como Ben de Interese Cultural na categoría de Conxunto Histórico, reanuda

Con BIC ou sen BIC o Concello dispón de ferramentas máis que suficientes para facer cumprir os seus deberes aos propietarios, ferramentas que o mesmo Concello se procurou e perfeccionou. Primeiro, por medio da ordenanza de ITEs, (o deber de conservación e mantemento daquelas edificacións que están ocupadas). En segundo lugar, por medio do rexistro de soares (a obriga urbanística de edificar ou rehabilitar nun prazo de dous anos), chegando, se fose necesario, á expropiación ou a venda forzosa do inmoble. Unha terceira ordenanza de conservación e rehabilitación, aprobada hai agora un ano, reforza a intervención municipal na esixencia dos deberes vinculados ao dereito de propiedade.

Ningún destes instrumentos foron desenvolvidos suficientemente en Ferrol Vello nos últimos tres anos: apenas un feixe de ordes de execución que terminaron en derrubas, pero que non chegaron a garantir a seguridade pública, nin desde logo serviron para frear o abandono e impulsar a rehabilitación. Desde a Comisión recalcan que a rehabilitación agora, sen Plan Especial, é posible, como proban as obras iniciadas hai pouco na rúa San Francisco. Mesmo “máis aló”, a reconstrución dos edificios que sufriron un incendio ou derrubados é posible, sempre e cando se faga respectando os valores patrimoniais do inmoble. Culpar ao BIC da inacción dos propietarios e da propia administración é unha mala escusa.

Tampouco a Xunta de Galicia, que pode subrogarse as competencias municipais neste eido, actuou en consecuencia e deixou pasar o tempo sen intervir en ningún sentido. O Camiño Inglés pasa por Ferrol Vello, e agora fica cortado e desviado, sen que pareza preocupar a Patrimonio, a Turismo nin a ningún outro ente.

Poderíase argumentar que, en tempos de crise, é de “pésimo gusto” importunar aos propietarios, pero non esixirlles os seus deberes é condenar a un patrimonio singular á súa desaparición, e á veciñanza a unha vida máis difícil, coas molestias e perigos que supoñen as ruínas. Esta falta de esixencia supón un premio para aqueles propietarios que levan décadas deixando caer as edificacións sen asumir ningunha responsabilidade.

A Comisión cidadá pola recuperación de Ferrol Vello considera xa intolerable esta dinámica de abandono e quere iniciar unha nova etapa de actividade para informar aos veciños dos mecanismos para abordar estes problemas, facer un seguimento dos contidos do prometido Plan Especial, e emprender calquera acción que sexa útil para acadar o recoñecemento do patrimonio cultural de Ferrol Vello e a mellora da vida dos seus veciños.

A primeira acción será unha xuntanza informativa no barrio o vindeiro sábado 8 de febreiro, coincidindo co terceiro aniversario da declaración do barrio como Ben de Interese Cultural.

Sociedade