A festa foi boa

Máis de 200 persoas abarrotaron a Fundaçón Artabria en Ferrol para festexar a consecución da escola de primaria en galego.
28 de Xaneiro, 2019 - 11:45 h. | Publicada por Radio Fene

Semente de Trasancos festexou a consecución do seu soño de contar dende o curso que ven cunha escola de primaria en galego. A sesión vermú contou coas cancións de Roger de Flor e Os Novos que seguiron máis de 200 persoas.

Semente de Trasancos festexou a consecución do seu soño de contar dende o curso que ven cunha escola de primaria en galego. Pais e nais cos seus pequenos e pequenas, protagonizaron a festa que celebraron na Fundaçon Artabria de Ferrol ao mediodía. A modo de sesión vermú, a iso das 13.00h comenzou a actuación de Roger de Flor e Nicolás Vidal cun repertorio en galego acaído para a ocasión. Seguíulles o grupo Os Novos.

Instalouse un obradoiro de maquillaxe para que enredasen os pequenos mentres os adultos daban conta duns petiscos caseiros a base de lacón asado, tortillas, empanadas e doces tamén. O ambiente non podía ser máis festeiro porque rematase ben o esforzo por conquerir o diñeiro necesario para a compra do edificio que albergará a escola de primaria en galego, no lugar do Roxal, concello de Neda. Un posto de comida que convivía con outro de camisetas, libros e discos para o financiamento da escola. Sorteouse un paquete para o que os pequenos venderon rifas e os maiores mercáronas.

A festa estivo moi concurrida e alongouse boa parte da tarde. Un amplo sorriso na cara e o galego na boca presidiron a xornada. Presidir, presidir, presidía unha gran pancarta coa cifra 64.360, os euros recadados grazas a 859 cofinanceiros.

Sociedade

Publica o teu comentario agora