Festicultores e Maghúa actúan esta noite nos Xardíns da Deputación

Festicultores e Maghúa actúan esta noite nos Xardíns da Deputación

29 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os Xardíns da Deputación de Lugo convértense un xoves máis nun fervedoiro de música e xente. O programa de “Cultura Aberta” acolle hoxe ós “Festicultores” e a “Maghúa” que ofrecerán un concerto a partir das 21:00 h.

Co obxectivo de recuperar a tradición e de trasmitírllela ás novas xeracións, o grupo coruñés Maghúa aterriza esta noite nos Xardíns da Deputación para ofrecer unha actuación na que o son da gaita é o protagonista. O nome que lle da razón de ser , “Majúa”, empregábano na costa do Cantábrico para denominar ós bancos de peixes. Hoxe en día segue a ser utilizado na zona do Morrazo baixo a forma de Maghúa.

Un pouco máis tarde será o turno dos Festicultores. Despois dun ano de xira co espectáculo E.G.F.A, onde acompañaron a cantantes coma Manu Chiao ou Radiobemba na fin da xira europea en Bayona (Francia G) e no 50 cabodano do Che Guevara en Cuba, chegan a Lugo co seu poder balcánico e ritmo triturador.
Gañaron o Premio do Público no Festival Internacional Haizetara de Amorebieta-Etxano, e compartiron cartel con grupos internacionais como Gogol Bordello, Emir Kusturika & The No Smoking Orchestra, Fanfare Ciocarlia.

Estas serán xa unhas das últimas actuacións previstas nos Xardíns da Deputación do programa estival que o organismo provincipal programou para este ano. A iniciativa finalizará o próximo xoves, 5 de agosto, co espectáculo a cargo de Carlos Blanco.

Sociedade