Fidel Castro e a Capela

Fidel Castro e a Capela
11 de Decembro, 2019 - 11:44 h. | Publicada por Radio Fene

Catrocentas vinte persoas forman na actualidade a asociación Hijos del ayuntamiento de A Capela na Habana en Cuba. A entidade conta cun grupo de danza denominado Airiños de Caaveiro, coida tres panteóns no cemiterio de Colón, organiza actividades conmemorativas do Dia das Letras Galegas, do Dia da Patria Galega e do 5 de agosto, dia das Neves, Patroa da Capela. Fillos da Capela ten ademais a honra de ter contado cun secretario ilustre. Nada máis e nada menos que Fidel Castro exerceu ese posto de 1951 a 1953

ESCOITA O PODCAST:
Juana Caridad Fernández Pérez preside a asociación Fillos da Capela

Un veciño pediulle esa axuda que precisaba a entidade. El traballaba como recen graduado preto do Centro Galego. Fixo referencia a ese feito a presidenta da asociación Fillos da Capela Juana Caridad Fernández Pérez en Radio Fene.
Fillos da Capela é a única sociedade de emigrantes que tivo esa relación con Fidel Castro.El en calidade de secretario da asociación presentou unha reforma do regulamento diante da autoridade de Cuba. Foi só meses antes de participar no asalto ao cuartel de Moncada. Estaba xa moi comprometido no movemento revolucionario.
Caridad Fernández tamén preside a agrupación de sociedades representativas de ayuntamientos y parroquias de Galicia en Cuba. Os emigrantes galegos formaron na illa do Caribe máis de cen asociacións. Permanecen hoxe vivas corenta e dúas. Alí na Habana creouse en 1871 a Sociedade Naturais de Galicia, primeira asociación de emigrantes galegos no exterior. Caridad Fernández participou onte á tarde nun emotivo acto na Tenencia en Redes. Izáronse a bandeira galega e cubana mentres soaba na gaita o himno galego.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora