Fin de curso no Camiño Inglés para un grupo de alumnos do colexio A Xunqueira

Fin de curso no Camiño Inglés para un grupo de alumnos do colexio A Xunqueira

16 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Trinta e catro alumnos de terceiro e cuarto da ESO do colexio a Xunqueira de San Valentín realizan ao longo desta semana o Camiño Inglés a Compostela. A actividade, promovida polo equipo de normalización lingüística do centro, programouse en catro etapas. Os participantes chegarán o vindeiro sábado a Santiago e asistirán á Misa do Peregrino.

Ata Betanzos camiñarán nesta primeira xornada de peregrinaxe os alumnos e alumnas do colexio A Xunqueira. O xoves realizarán a etapa Betanzos-Mesón do Vento e o venres marcharán ate Sigüeiro. Xa o sábado, último día, percorrerán os quilómetros que restan para completar o Camiño e chegar a Compostela.

“Buscar un espazo diferente para promocionar o uso da lingua galega entre os alumnos” foi un dos obxectivos que o equipo de normalización lingüística do colexio A Xunqueira plantexou á hora de propoñer esta actividade como excursión de fin de curso. Asegurouno a Radiofusión a profesora do centro,  Pilar Vázquez, para quen “o Camiño e a lingua estiveron sempre moi vencellados, sobre todo, en épocas de esplendor”.

Diferentes son os motivos polos que este xóvenes peregrinos feneses se animaron a percorrer o Camiño Inglés. Segundo Pilar Vázquez, “algúns o fan como aventura, outros por razón espirituais ou relixiosas e para outros (os que rematan 4º da ESO) supón unha despedida do colexio, dos profesores e dos seus compañeiros”.

Sociedade