Fin de semana de artesanía e encaixe en Fene

Fin de semana de artesanía e encaixe en Fene

12 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

San Valentín convírtese hoxe na capital da artesanía e do encaixe de bolillos pola coincidencia nesta parroquia da Fene da I Feira Medieval de Artesanía e da Décimo Quinta Xuntanza de Palilleiras de Ferrolterra. As alumnas da escola de palilleiras do CPS e a Asociación Cultural O Tadetas promoven senllos encontros, reunindo en Fene nesta xornada a máis de cincocentas palilleiras e a medio cento de artesáns de todas as ramas (ferreiros, plateiros, cante

Dinamizar o barrio e promocionar o traballo dos vellos oficios para que non se perdan. Baixo estas dúas premisas, a Asociación Cultural O Tadetas e as alumnas da escola de palilleira do CPS organizan nesta xornada a Décimo Quinta Xuntanza de Palilleiras de Ferrolterra, un encontro que reúne arestora no pavillón da Xunqueira de San Valentín a máis de cincocentas artesás do encaixe de bolillos. Moitas delas xa acudiron noutras ocasións e aseguran sentirse “encantadas” co ambiente e o bo trato recibido nesta xuntanza de Fene.

Ate as dúas da tarde, as portas do pavillón polideportivo de San Valentín estarán abertas a todos os visitantes que queiran admirar o traballo das participantes nesta Décimo Quinta Xuntanza de Palilleiras de Ferrolterra. Tralo descanso para o xantar, o encontro retomarase ás catro (e ate as sete da tarde) cun programa, cecais máis lixeiro ca en últimas edicións, pero non menos atractivo, con sorteos e exposicións de encaixe, bordado, patchwork e coiro.

Á par que se celebra a Xuntanza de Palilleiras de Ferrolterra, nos arredores do pavillón a Xunqueira permanencen instalados hoxe e mañá os stands dos cincuenta artesáns que participan na I Feira Medieval da Artesanía de San Valentín. A variedade de postos e de productos á venda é unha das características deste certame que nace con vocación de continuidade, segundo declarou a Radiofusión un dos organizadores, Xosé María Permui.

Nesta cita coa artesanía en Fene podemos atopar dende un mestre soprador de vidro ate un panadeiro que amosará, durante a fin de semana cómo se elabora o producto, dende o moído do trigo ou millo, ate o amasado e o cocido. A maiores expoñen e venden as súas creacións artesáns da prata, da bisutería, do moldeado de cobre ou do acibeche.

Tamén dispón a feira dun stand para quen desexe degustar unha ración de polbo e dunha cantina con tapas e bebidas, xestionada ésta última polos establecementos A Morriña e A Ponte.

Tanto o sábado coma o domingo, a Feira Medieval da Artesanía de San Valentín terá un horario de apertura de dez da mañá a once da noite.

Sociedade