A Fiscalía denuncia á Xunta de Galicia por non facilitar os fármacos da hepatite C

A Fiscalía denuncia á Xunta de Galicia por non facilitar os fármacos da hepatite C

12 de Xaneiro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

A Fiscalía ven de denunciar á Xunta de Galicia polas restricións impostas aos fármacos recetados a enfermos de hepatite C. A Plataforma de Persoas Afectadas considera que a fiscalía lles deu a razón ao denunciar ante os Xulgados á administración autonómica.“Poderían terse salvado máis persoas se se lles aplicase o tratamento” manifestan.

A fiscalía presentou unha denuncia contra o Servizo Galego de Saúde (Sergas) nos xulgados de Compostela polas restricións impostas pola Administración galega aos fármacos recetados a enfermos de hepatite C. A Plataforma Galega de Persoas Afectadas pola Hepatite C, por "eficacia procesual" unírase xa á demanda presentada polo colectivo médico Batas Blancas achegando varios casos de mortes de doentes que atribúen á restritiva política da Xunta co tratamento dos enfermos.
A fiscalía presentou unha denuncia contra o Sergas nos xulgados de Santiago polas restricións impostas aos fármacos recetados. Durante varios meses, o ministerio público investigou a querela presentada por Batas Blancas e na que se asegura que foron varios os doentes que morreron en Galicia mentres agardaban a autorización da Xunta dos medicamentos que xa lles foran prescritos polo especialista. O xulgado de instrución número 3 recolleu durante semanas varios testemuños e realizou diferentes probas periciais de documentación clínica, segundo fontes achegadas ao proceso, ata que a fiscalía decidiu actuar. "É unha nova positiva porque confirma que o que nós levamos tempo denunciando era certo, era verdade que se estaba deixando morrer xente e non era unha simple cuestión de xenreira ou de querer crear balbordo como aseguraba a conselleira", di agora Quique Costas, voceiro da plataforma de afectados segundo recolle o xornal dixital Praza.

Sociedade