A flor máis bonita do mundo

A flor máis bonita do mundo
07 de Febreiro, 2020 - 11:30 h. | Publicada por Radio Fene

XVI Mostra da Camelia en Narón. Abre ao público o sabado 8 ás 17.00h. Fene cobra protagonismo este ano coa visita que o xurado xirará a dúas plantacions de camelias en Magalofes.

ESCOITA O PODCAST:

Falamos aquí con Eusebio López, Manuel Cruz e Manuel Pico

http://173.255.131.18/audio/070220CRUZ.mp3

Nova edición da Mostra da Camelia Cidade de Narón con 26 expositores de Galicia, Asturias e Cantabria que se achegarán á comarca para participar no evento. Pensan e confeccionan con agarimo os lotes de japónica, reticulata e todo tipo de variedade de camelia, “a flor máis bonita do mundo”.

É unha flor que vai ao revés das demais. Florece no inverno e perde a flor cando as demais asoman á primavera. Ten milleiros de variedades, centos de cores e tamaños. Afirma Eusebio López que é, xunto co toxo, a árbore máis representativa do noso país. Tamén nos conta que da camelia sácase un aceite de calidade excepcional para o consumo alimentario e tamén para a cosmética. Hai camelias que ulen que arrecenden, contra o que poideramos pensar. Aí está a camelia "luchiensis" para comprobalo.

Esta flor empezou a plantarse nos xardíns dos pazos pero hoxe en día o seu cultivo democratizouse e exténdese por toda a xeografía galega. A exposición internacional de 1965 en Pontevedra foi o punto de partida da eclosión da camelia no noso país.

Fene é un dos referentes actuais desta flor, grazas a viveiros como os que detentan o enxeñeiro técnico agrícola Eusebio López ou Moreira e a cultivadores particulares como Xosé Mª Rivera, Manuel Cruz ou Manuel Pico, todos directivos da Asociación Galega da Camelia e organizadores da mostra de Narón.

A Mostra da Camelia de Narón abrirá as portas ao público o sabado 8 de febreiro ás 5 da tarde e permanecerá no centro comercial Odeón tamén o domingo. O xurado xa valorará os lotes presentados, o sabado pola mañá. Están previstos seis premios . O xurado visitará este ano duas plantación situadas en Fene; a de Manuel Pico e a de Abelardo, as dúas na parroquia de Magalofes.

Cultura

Publica o teu comentario agora