Folga xeral en xaneiro contra o retraso na idade de xubilación

Folga xeral en xaneiro contra o retraso na idade de xubilación

18 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

"Haberá folga xeral en xaneiro se o goberno mantén a súa intención de retrasar a xubilación obrigatoria aos 67 anos" manifestou este mediodia o secretario xeral de CCOO Ignacio Fernández Toxo. Xunto coa UXT, Comisións convocou hoxe protestas nas principais cidades contra as últimas medidas anunciadas polo executivo de Rodríguez Zapatero.

Unhas 12.000 persoas, segundo os convocantes, participaron nas manifestacións convocadas na Coruña, Lugo e Ourense polos sindicatos UXT e CC.OO co fin de reclamar "a recuperación dos dereitos, defender o estado social e rexeitar o atraso da idade de xubilación aos 67 anos" anunciada polo Goberno central.

Na marcha da Coruña, os secretarios xerais de CC.OO e UXT de Galicia, Xosé Manuel Sánchez e José Antonio Gómez, respectivamente, explicaron que, con estas mobilizacións, "demandamos reverter a reforma laboral, reforzar os sistemas de protección social, evitar a conxelación das pensións para 2011 e o atraso forzoso da idade de xubilación".

Ademais, na súa intervención solicitaron "o impulso dunha actividade económica xeradora de emprego e favorecedora dun cambio de modelo produtivo, necesario para un crecemento económico sustentable". Entre outros aspectos, sinalaron o fortalecemento da negociación colectiva e a recuperación do acordo dos empregados públicos de setembro de 2009.

Nesta liña, os máximos responsables de UXT e CC.OO na comunidade galega afirmaron que "non van consentir que o Goberno impoña o atraso da xubilación aos 67 anos", xa que, segundo consideraron, "esta posibilidade nin é necesaria, nin pode ser unha obrigación con carácter xeral".

Ante isto, UXT e CC.OO defenderon que "calquera proposta de modificación do marco actual se faga polas vías habilitadas para este efecto --o Pacto de Toledo e o Diálogo Social--, e que, "calquera atraso da xubilación sexa voluntario".

ESTADO SOCIAL

Nos seus discursos, os sindicalistas realizaron unha "contundente defensa do Estado Social" e denunciaron os "constantes recortes económicos e sociais" que realiza o Goberno español.

Por isto, lembraron, que cinco meses despois da entrada en vigor da reforma laboral, "quedou demostrado que esta non serviu para crear emprego", senón para "reducir a contratación indefinida, incrementar a temporalidade e facilitar o despedimento".

Tamén sinalaron que a "política de privatizacións anunciada, como a de AENA, suporá pan para hoxe e fame para mañá". Tamén se referiron á retirada da prestación dos 426 euros aos parados sen subsidio de desemprego, unha medida que, tal e como expresaron, "condena á exclusión social a máis de 10.000 persoas en Galicia e 40.000 en todo o Estado".

Finalmente, os líderes sindicais galegos aseguraron que "hai outra maneira de loitar contra a crise económica" e instaron á Administración central a "loitar contra a débeda e reducir o déficit dunha maneira máis equilibrada", apostando pola "creación de emprego e polo mantemento do Estado do Benestar".

Sociedade