Frear o peor dato da pandemia

Frear o peor dato da pandemia
15 de Xaneiro, 2021 - 10:16 h. | Publicada por Radio Fene

Fene veu aumentar o número de contaxiados de Covid19 dun xeito alarmante nos últimos quince dias. A cifra rexistrada onte era de 86 casos. O concello non descarta tomar medidas concretas da súa competencia para frear os contaxios.

ESCOITA O PODCAST:

Fene contabiliza 86 persoas contaxiadas pola Covid19. Este dato supón un aumento alarmante para esta localidade que deu un salto considerable desde antes do Nadal ata agora, en palabras da concelleira de Seguridade e portavoz do grupo municipal do BNG, Sandra Permui. A maiores das medidas que desde hoxe se poñen en marcha en moitos concellos galegos, entre eles o de Fene, o goberno local non descarta tomar algunha medida concreta para axudar a frear os contaxios. Onte mesmo o alcalde de Fene participou nunha videoconferencia con outros alcaldes da comarca e o xefe da área sanitaria de Ferrol.

Permui non descarta novidades no día de hoxe. Algunhas medidas, como a limpeza e desinfección de lugares públicos, estase xa intensificando. Probablemente se acurte o horario de visitas ao cemiterio municipal que pecharía ás seis da tarde.  A edil fenesa agradeceu o intenso labor que leva a cabo a policía local que, ademais da atención telefónica informativa constante, vai intensificar o labor de vixilancia para que se cumpran as novas medidas horarias e para vixiar polo respecto ao peche perimetral e o toque de queda. Este traballo fáise en cooperación coa Garda Civil e a policía municipal de Ferrol.

Oferta de emprego

Sandra Permui referiuse tamén esta mañá á oferta pública de emprego que en Fene se traduce na creación de tres postos de traballo inmediatos, xa publicados no BOE no dia de onte, de 3 auxiliares administrativos e unha praza de peón ou peoa. Os interesados teñen vinte días para presentar as solicitudes. Anunciou tamén a creación doutras dúas prazas, neste caso 1 de conserxe e 1 de administrativa que están a punto de publicarse no BOE. Cando saian publicadas é cando se abrirá o período para presentar as instancias. Tamén se referiu Permui ás bolsas de emprego para cubrir baixas, vacacións ou emerxencias. As bolsas permiten ao concello ter operarios de reserva preparados para calquera continxencia.  Neste momento están nesta situación dez empregados que fan labores de limpeza e desinfección relacionados coa pandemia.

Institucional

Publica o teu comentario agora