Froito do amor á música

Froito do amor á música
12 de Abril, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

Helena e Jose, Barahúnda, están agora a presentar o seu quinto traballo musical, “Fremosas”, un “artefacto musical, literario e divulgativo”. Fremosas é música moi fermosa, pero moito máis que música. Nun novidoso formato de libro – disco, no que a través dun código QRD poden accederse ao contidos, Barahúnda achéganos un inxente traballo de documentación e pescuda das 12 cantigas que conforman o disco. 

ESCOITA O PODCAST:
Fotografia Xan Xe

As pezas, musicadas por eles, veñen acompañadas polo texto das cantigas, as partituras así como unha contextualización histórica das mesmas. O complemento perfecto é que contan, ademais da colaboración musical de grandes artistas, con aportacións dun conxunto de especialistas en outras áreas, historiadores, poetas ou musicólogos que contribúen a tecer un fermosísimo proxecto. 

E isto, que podería parecer un produto pensado para o círculo pechado de coñecedores, medievalistas ou músicos especializados é un “artefacto” pensado para a divulgación e o desfrute.

Helena de Alfonso e José Luís Lara Gruñeiro, Barahúnda, afirman que o seu último traballo, Fremosas, é “o froito do amor á música, á poesía, á Historia e ás historias, as nosas, as de calquera de nós, pasadas ou coetáneas que tanto se parecen”, e dun desexo,  dar a coñecer “fermosos versos de 700 ou 800 anos de antigüidade que un día foron cancións e que son a nosa herdanza cultural”. 
Poder facer isto e ademais facelo dun xeito tan fermoso, elegante, cálido e actual é un acerto considerable e un privilexio para quen o desfrutamos.

Fotografía: XanXe

Cultura

Publica o teu comentario agora