A fugacidade do tempo

A fugacidade do tempo
26 de Setembro, 2019 - 12:27 h. | Publicada por Radio Fene

“O cine debe expresar neta e plasticamente a vida na súa milagrosa mobilidade. Vida das persoas, das paisaxes, dos obxectos”. Afírmao así Guillermo de Torre nunha publicación de 1925. E esa máxima parecen seguir as películas filmadas entre 1925 e 1935 pola Asociación de Amigos do Campo e por Alfonso Piñón. En torno a esa experiencia de cine amador, películas de viaxes e excursións, versa o libro de Fernando Redondo “Os amorodos de Bergman”.

ESCOITA O PODCAST:

Club de lectura sobre "Os amorodos de Bergman"

http://173.255.131.18/audio/260919REDONDO.mp3

Tertulia sobre o libro Os amorodos de Bergman

O cinema amador incorpora a capacidade de fascinar e sirve para tomar consciencia da fugacidade do tempo,en palabras de Fernando Redondo. O ex director do Centro Galego das Artes da Imaxe Guillermo Escrigas rescatou arredor de cen películas filmadas por Alfonso Piñón en Galicia, a maior parte delas na comarca de Ferrol. Filmou entre outros asuntos a inauguración do Monumento ao Camiñante Descoñecido de Barallobre. As películas de pouco máis de un minuto de duración deullas unha irmá de Alfonso Piñón. Coincidira con ela nunha cea de ferroláns en Madrid a Noite das Pepitas.
As películas de Piñón responden a un intento de recuperar, conservar e revivir os momentos felices da existencia. Turismo, fotografía, cinema e deporte como espectáculo emerxen de xeito simultáneo, entre finais do XIX e comezos do século XX. As películas buscaban reter, recrear e recuperar a felicidade e gardan a memoria viva dos acontecementos e das persoas. Dese cine amador, fálase no libro de Fernando Redondo “Os amorodos de Bergman” publicado por Editorial Galaxia.

Cultura

Publica o teu comentario agora