A Fundación Manuel María homenaxea este venres a Xesús Mato

A Fundación Manuel María homenaxea este venres a Xesús Mato

09 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Fundación Manuel María da Terra Chá homenaxeará á figura do musicólogo e escritor Xesús Mato, coa presentación do libro “Mato sono io-100 amigos falan de Xesús Mato”. Será este venres 12 de xuño, na Galería Sargadelos de Lugo, contra as 20.00 horas, cando dará comezo o acto.

O libro é un recoñecemento colectivo a esta insigne figura da cultura lucense, co gallo de ter cumpridos 75 anos de idade, 50 de crego e 25 na montaña da provincia.

 

Fillo de agricultores, cursou a súa carreira sacerdotal no Seminario de Lugo. Carreira que desempeñou como coadxutor en Lalín, antes de trasladarse ao Cebreiro, onde permanece desde 1983.

A súa labor dentro do mundo da cultura deu inicio en 1968, cando comezou a traballar como redactor de Radio Popular na capital provincial. Cofundador de grupos como "Fuxan os Ventos", en 1972, e "Galicia canta ó Neno", tamén colabora coa prensa escrita en periódicos como El Progreso e en diferentes revistas. Mato conseguiu os premios de Lucense do ano (1991), o V Premio Moncho Valcarce (1998), os III premios de Cultura Tradicional de María Castaña e o Premio de Periodismo sobre o Nadal, Begonte (2009). En colaboración con outros autores publicou os libros Galicia canta ó Neno e Por un Lugo sen barreiras.

Cultura