Fuxindo da morte

Fuxindo da morte
24 de Abril, 2020 - 11:19 h. | Publicada por Radio Fene

O historiador ferrolán Eliseo Fernández protagoniza mañá o videofaladoiro do colectivo Nordés. Falará sobre as fuxidas por mar do franquismo, entre 1936 e 1939 o sabado 25 ás 19h.

ESCOITA O PODCAST:

O historiador ferrolán, Eliseo Fernández, participa no segundo videofaladoiro organizado polo colectivo Nordés, mañá sábado ás 19h. Agárdase que unhas vinte persoas aproximadamente conecten con el para abordar unha historia apaixoante, a das persoas que fuxiron por mar da morte segura a mans do franquismo. O caso da última fuxida dese periodo, a do Bou Ramón de Ares, estará entre esas historias. Cóntanos Eliseo que falará, aínda fora dese período, do Santa Teresa que fuxe desde o Vicedo no ano 1946.

Recoñece o historiador ferrolán que dar unha charla desta maneira é todo un experimento para el pero xa ensaiaron para que todo saia ben e engade que mesmo se poden poñer imaxes.  Afirma que é unha maneira de rachar co confinamento aínda que sexa dun xeito virtual. O que non será a primeira vez para Eliseo Fernández é a súa colaboración co colectivo Nordés co que participou no verán, no Barqueiro, nunhas xornadas “moi agradables” en palabras do historiador ferrolán.

Aproveitamos a conversa con Eliseo Fernández para que nos adiante algo dos seus novos libros, o primeiro con Dionisio Pereira “Nacionalismo e Anarquismo na Galicia 1840 – 1940” Defende Fernández que houbo máis relación da que se pensa entre estas dúas correntes, primeiro a vnivel intelectual e despois político. A outra publicación con Emilio Grandío é "¿Orden o República? : Conflictividad social y política en A Coruña (1931-1936)"  co que queren demostrar que o que se propagou como unha época moi violenta e revolta para xustificar a guerra civil, non foi tal e como a pintan.

Eliseo Fernández, volvendo á actualidade, agarda que á saída desta crise sanitaria sexamos quen de cambiar algunas cousas que estaban mal antes do virus. Polo demais el sigue o confinamento con rutinas, pero renovando contactos con colegas que tiña abandonados. Ese xa é un cambio positivo, como “tamén algo de exercicio e algunha alegría na cocina”. 

(Na imaxe, Eliseo Fernández no acto de presentacion da revista de historia Mazarelos en Ferrol, febreiro 2020)

Cultura

Publica o teu comentario agora