Galicia conéctase paseniño a internet pero é experta no uso do móbil

Galicia conéctase paseniño a internet pero é experta no uso do móbil

27 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Un terzo dos fogares galegos contaba con conexión a Internet no ano 2008, ao que corresponden os datos da enquisa sobre as condicións de vida das familias en relación coas novas tecnoloxías e que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística. A cifra duplicouse en relación ao 2002, o primeiro ano no que se fixo este estudo. Moito máis estendido está o uso do teléfono móbil, que empregan de cote 7 de cada 10 galegos, e 9 de cada

Máis da metade dos nenos galegos conéctase á rede e o número ascende ata o 90 por cento no caso dos adolescentes. Internet interésalle a menos da metade dos que pasan dos 50 anos de idade, e no 20 por cento dos casos consultados que declaran non ter conexión confesan que non posúen coñecementos sobre o que é a rede global. Outra cuarta parte dos fogares non a contratan polo seu alto custo e unha porcentaxe significativa, 4 de cada 10 membros da mostra, desbotan o acceso a internet porque non lles parece de interese ou utilidade.

No que respecta á xeografía, sobrancea a existencia dunha fenda dixital entre a Galicia atlántica e as provincias do interior. Os núcleos urbáns e a súa contorna concentran a maioría de conexións, cuxo número diminúe canto máis rural é a zona. Así, na área metropolitana da Coruña teñen contratado servizo de internet o 45 por cen dos enquisados, mentres que no sur da provincia de Ourense o dato non chega nin ao 15 por cento.  

Iso si, aínda somos pouco confiados no uso da rede para realizar transaccións comerciais e trámites administrativos. Durante 2008, só o 6 por cento dos usuarios galegos de internet efectuou algunha compra a través dun sitio web: en máis da metade dos casos tratouse de billetes para unha viaxe, o produto predilecto, por diante das entradas para espectáculos e o equipamento electrónico. No que se refire ao trato coa Administración pública, tan só o 16 por cento dos usuarios substituíron o trato directo co funcionariado polas xestións electrónicas.

Sociedade