Galiza recupera á compositora Eugenia Osterberger

Galiza recupera á compositora Eugenia Osterberger

11 de Xuño, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

‘Eugenia Osterberger. Unha compositora galega na Belle Époque’ é o título da charla-concerto que organiza a Consellería de Cultura para colaborar na difusión do legado da artista e no recoñecemento ao seu labor no ámbito da música. As investigadoras Rosario Martínez e Beatriz López-Suevos achegannos á vida desta artista do século XIX e ao seu legado no ámbito da música culta galega de raíz po

Para isto, o programa inclúe os relatorios ‘Achegamento á biografía de Eugenia Osterberger’, no que Rosario Martínez percorrerá a traxectoria vital da compositora, e ‘A obra de Mme. Saunier e a súa contribución á creación musical galega’, no que Beatriz López-Suevos analizará a relevancia da súa produción musical no contexto da época. A sesión concluirá cun concerto no que López-Suevos, ao piano, e a soprano Susana de Lorenzo interpretarán as pezas da compositora ‘Ma mi dicesti, op. 158’ (aria), ‘Ove sei?’ (canción italiana), ‘¡Adiós a Galicia!’, ‘Ausencia’, ‘Falas de nai’ (melodías galegas) e ‘Cantigas y Melodías Gallegas’.

Contribución á creación musical galega
A obra de Mme. Saunier e a súa contribución á consolidación da música culta de raíz galega é aínda unha gran descoñecida para o público galego, pero tamén para os intérpretes e estudos actuais. As súas composicións fíxanse en dous repertorios: o de piano solista, con pezas líricas e bailes de salón, e as cancións ou melodías galegas para voz e piano, nas que mostra o seu interese e compromiso co valor do patrimonio popular, da lingua e da cultura propias. Estas composicións contribuíron á creación dun legado musical galego no ámbi­to culto, onda o amplo repertorio de autores recoñecidos como Marcial del Adalid, Xoán Montes, Xosé Castro Chané, José Baldomir, Andrés Gaos ou Enrique Lens.
A música e a cultura na vida de Eugenia Osterberger

A compositora Eugenia Osterberger Luard (Mme. Saunier) naceu en Santiago de Compostela en 1852. A súa familia materna era galega, súa nai era a coruñesa Emilia Luard Álvarez, e seu pai o litógrafo e gravador Jorge Osterberger. A súa educación musical temperá e unha instrución académica moi superior á que habitualmente recibían as mozas daquela, xunto coa súa predilección polo piano desde cativa, levárona a inter­pretar e asinar múltiples obras que foron editadas en París, na Coruña e en Madrid.

En 1879 casou con Francisco Saunier e estableceuse na Coruña, onde mantivo unha participación activa desde o punto de vista cultural e social, sen renunciar á súa dedicación á composición. Formou parte das ini­ciativas promovidas por Emilia Pardo Bazán e outros intelectuais da cidade, como a fundación do padroado das Colonias Escolares, do que foi secretaria ata que mar­chou de Galicia na primeira década do século XX. Tamén foi académica correspon­dente da Real Academia Galega desde o ano fundacional.

A finais de 1907 traslada a súa residencia á Costa Azul francesa. Non se coñece a data exacta da súa morte, aínda que sabemos que foi posterior a 1914.

Sociedade