Galletas e ilusión en Monterroso

Galletas e ilusión en Monterroso

20 de Xullo, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Saben vostedes con quen están falando? preguntáronlles os de El Corte Inglés cando lle dixeron que non querían venderlles galletas. "Sabemos, pero non vendemos a grandes superficies" respostáronlles as produtoras das Maruxas, as galletas artesans e ecolóxicas que só se atopan en comercios de proximidade.

Galletean e fabrican ilusión en Monterroso. Ao chegar ao centro da vila, un pregunta por onde se vai para Cumbraos, Granxas Maruxa. Cun sorriso nos beizos un parroquián indica: "Ao chegar ao semáforo, do Bar Roan, collen á esquerda e a un quilómetro, xa ven unhas rodas grandes pintadas á beira do camiño, e xa saben que é alí". Como se fora un profeta, acerta, porque ao chegar á granxa, distínguese claramente a explotación ecolóxica. Un souto paradisíaco exerce como recibidor.

Na granxa ecolóxica, as vacas pastan libremente e ao seu xeito. Dormen en camas individuais, moi limpas, entre cadros naif e música de Mozart. O circuito de ordeño, as cortes dos xatos e a antiga granxa serven de aulas en esporádicos campamentos de verán para a rapazada urbanita. A tona do leite emprégase para a elaboración das galletas galegas as "Maruxa", ecolóxicas e artesans, que recuperan o sabor das galletas de antes. Entre a granxa e a galletería, traballan cinco persoas. Galletas Maruxa. A doce vida entre a herba verde.

Sociedade