A gloria de Juanito Vázquez

A gloria de Juanito Vázquez
06 de Maio, 2020 - 11:47 h. | Publicada por Radio Fene

O xogador e adestrador Juanito Vázquez faleceu en 1957 e os seus restos mortais están soterrados en Fene, onde casou, tivo casa e adestrou ao equipo de Astano. Falamos coa súa filla, Luzberta Vázquez.

ESCOITA O PODCAST:

“A flecha ferrolá” chamábanlle a Juanito Vázquez, xogador e adestrador de fútbol ferrolán que casou o 5 de febreiro de 1937 con Juana Fernández Milia "Nita", veciña de Fene. Entre Madrid, Vigo, Ferrol e Fene pasou a súa vida profesional ata que a perdeu a causa dun infarto fulminante, xogando un partido amigable en Cacabelos (O Bierzo) en abril de 1957. Coa súa filla Luzberta Vázquez, que tiña 12 anos cando faleceu o seu pai, repasamos a vida deste xogador e adestrador singular. Cóntanos Luzberta que o seu pai naceu en Ferrol pero, como era orfo, educouse nun colexio de Aranjuez (Madrid). Volveu a Ferrol para facer a mili e nun baile en Fene coñeceu a Nita, coa que contrae matrimonio.

En plena guerra, xoga no Nacional de Zaragoza e en 1939, ao rematar o conflito bélico, ficha polo Atlético Aviación que despois se converterá no Atlético de Madrid. Para aló marchan e alí nace Luzberta. Despois xoga no Celta de Vigo. Como fixeran casa na estrada da Fraga de Fene, conta a súa filla, chamárono de Astano para formar un equipo no estaleiro e traballar nas oficinas da empresa. Na tempada 1953-1954 fíchano do Racing de Ferrol como técnico e no equipo ferrolán permanecerá ata o seu falecemento nese  fatídico encontro que quixo xogar en Cacabelos (Bierzo) no retorno de xogar en Burgos.

“Durante o partido sentíuse mal e retirouse do campo, narra a súa filla. Levárono para o hotel e xa morreu” conta Luzberta Vázquez. “Trouxérono defunto nun taxi, sentado entre dous xogadores do Racing, para evitar os complicados trámites que había que facera ao pasar por cada lugar” explica Luzberta, quen engade “Para mamá foi moi doloroso. Ao enterro acudíu moitísima xente porque era un home moi conciliador e de moitos amigos”. Luzberta Vázquez escoitou marabillas do seu pai, ao que chamaban “flecha ferrolá” polo rápido que era. "Tiña unha perna esquerda de ouro coa que remataba moi ben" afirma. Ela era pequeña pero acudía a velo coa súa nai ao campo que había en Perlío e ao estadio do Inferniño. “Ao meu pai encantáballe Fene, ter horta e galiñas e coellos…Pasabamos alí todos os veráns” conta a filla de Vázquez. Juanito Vázquez foi soterrado no cemiterio parroquial de Fene en abril de 1957.
Os taxis
"Na época era habitual utillizar os taxis para transportar os defuntos, xa que o uso dun coche fúnebre obrigaba a pagar un canon en cada concello que se atravesaba" indicou a Radio Fene o crego de Maniños Faustino Ramos. Entre Cacabelos e Fene cruzabanse vinte concellos nos que habería que abonar o importe establecido e realizar trámites burocráticos.

 

(Na imaxe, a tumba de Juanito Vázquez no cemiterio fenés).

Deportes

Publica o teu comentario agora