Gosta da noite

O lumbrigante está en sazón agora mesmo
17 de Xullo, 2019 - 09:23 h. | Publicada por Radio Fene

O lumbrigante cóllese e cómese nos meses de xuño, xullo e agosto. Está en plena sazón.

ESCOITA O PODCAST:

O lumbrigante é o cangrexo máis grande do mar e agora mesmo está en plena tempada. Un crustáceo cavernícola de dez patas, que sempre sae de noite. O máis rechamante do becho son as súas dúas pinzas coas que se defende, tronza e achega comida á boca. Os galegos teñen o cacho negro azulado, éste sérvelle de defensa, aínda que en ocasións é unha trampa. Comezan a mudar o cacho no outono e rematan na primavera. Poden chegar ás cincuenta mudas, tantas como anos cumpra. A época de veda vai desde o 1 de setembro ata o 1 de xuño.

Vive entre os dous e os 50 metros de profundidade. Alimentase de sepias, luras, pequenos peixes e moluscos. Son animais solitarios pero a miudo comparte cova co congrio, co que fai boas migas. A femia de bogavante é máis valorada, pola súa maior cantidade de carne e polas ovas. O lumbrigante engorda en viveiros e cetarias e moitos dos que consumimos proceden doutros países como Irlanda ou Canadá.

Á hora de preparalo, o máis común é fervelo en auga rica, ou caldo de peixe para que non perda as esencias e aderezalo con dúas salsas: vinagreta e maionesa. Fora de Galiza, tenden a acompañalo con outros ingredientes; nas Baleares con arroz e en Tarragona fanno con garavanzos.

Cultura

Publica o teu comentario agora