Gozar do verán fora da casa e da videoconsola

Gozar do verán fora da casa e da videoconsola

17 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

350 rapaces de idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos participarán nas actividades de verán do concello de Soutomaior. Unha programación que inclúe obradoiros, acampadas, visitas a Aquapark e ao circuíto de cars de Sanxenxo así como actividades deportivas entre as que destacan hípica, vela ou esquí náutico.

Actividades que se van desenvolver durante o mes de xullo e que ten por obxecto ofertar aos pais e nais unha alternativa “para que os máis pequenos poidan gozar do verán fora da casa e lonxe da videoconsola” segundo explicaba o Concelleiro de deportes Francisco Iglesias. O custe é de 10 euros para os nenos empadroados no municipio mentres que o resto deberán abonar 20 euros.

Un prezo simbólico segundo o edil quen asegura que se trata dun servizo municipal para o cal fan un esforzo orzamentario dende as tres concellerías implicadas: deportes, xuventude e cultura. Os interesados en participar poden inscribirse xa descargando o formulario na páxina web do concello ou ben achegándose ás oficinas municipais no Multiusos de Arcade, no propio Concello ou no pavillón. A primeira das actividades previstas será o encontro da mocidade que se vai desenvolver os días 2 e 3 de xullo

Sociedade