Gran abano musical nas Festas do Carme de Mugardos

Gran abano musical nas Festas do Carme de Mugardos

16 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Festas do Carme en Fene e tamén en Mugardos. A vila mugardesa xa leva unha semana de celebracións co gallo da festividade do Carme. Nesta xornada os actos ábrense ás seis e media da tarde na carpa do peirao cun certame de corais. Participarán a Coral Sporting Club Coruña, a de  Melide, a Coral de Taboada e a do Casino Mugardés. 

A música é a gran protagonista deste día do Carme en Mugardos. Música para todos os gustos e idades. Tras a actuación de corais, a verbena nocturna será arrufada pola Orquestra Gran Canaria a partir das once da noite. A festa rachada está garantida para os máis xóvenes co grupo Festicultores que ás doce da noite sairá da casa do concello en dirección á Avenida de Galicia.

Mañá domingo o programas de festexos vén cargado de actos. O grupo de Gaitas Aresán percorrerá as rúas da vila dende as dez  e media da mañá. Ás doce e media sairá dende o peirao a procesión marítima acompañada pola Xoven Banda de Narón. A orquestra Ardebullo Bin Ban arrufará a festa a partir das nove da noite.

O monologista Pepo Suevos porá o broche final ao Carme de Mugardos 2011 co seu espectáculo “Humor Salvaxe”.

Sociedade