A gripe vai chegar...Vacínate

A poboación da área sanitaria de Ferrol ten unha trintena de puntos de vacinación.
14 de Outubro, 2019 - 02:21 h. | Publicada por Radio Fene

A poboación da área sanitaria de Ferrol ten unha trintena de puntos de vacinación á súa disposición e existen sistemas de citación habilitados para a administración da vacina.Galicia será a primeira autonomía en administrar nesta campaña,  unha vacina tetracelular a persoas de 15 a 64 anos, con factores de risco.

A vacina para evitar a gripe e as complicacións derivadas da mesma está dispoñible dende hoxe luns 14 de outubro para a poboación xeral na trintena de puntos (na imaxe o PAC de Fene) cos que conta a Xerencia Integrada de Ferrol para se protexer tanto no ámbito máis achegado á poboación, o centro de saúde, como no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. A campaña deste ano, que se prolonga ata o 27 de decembro, reflicte como lema unha importante advertencia: A gripe vai chegar... Vacínate. O obxectivo é minimizar o impacto desta enfermidade na saúde, e diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. A vacina da gripe, totalmente inocua, ten un importante beneficio en canto que reduce a incidencia desta enfermidade, pero moi especialmente diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e, así mesmo, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe nas persoas maiores, con ou sen condicións médicas de risco, e noutras persoas con patoloxías previas.

Destinatarios

A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 anos ou máis anos, residente en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas, nenos e adolescentes con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico, nenos de 6 meses a 2 anos de idade que naceran prematuros, e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñan a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade. Tal e como informaba a Consellería de Sanidade hai uns días, Galicia será a primeira autonomía en administrar nesta campaña, e tamén por primeira vez, unha vacina tetracelular a persoas de 15 a 64 anos, con factores de risco.

Novidades

En total, Sanidade adquiriu 615.000 doses de vacinas antigripais (7.000 máis que en 2018), e destinou un orzamento de 3.466.632 euros, 1.283.412 máis que no ano 2018, o que supón un incremento de preto do 59%. Nesta campaña de 2019, empregaranse 3 tipos de vacinas: a vacina tetravalente de cultivo en ovo, que pode ser utilizada na poboación infantil, con patoloxía de base, de 6 meses de idade ata os 14 anos; a vacina tetravalente de cultivo celular, que se empregará por primeira vez para as persoas con factores de risco de 15 a 64 anos, e tamén está indicada para embarazadas; e a vacina trivalente adxuvada, para todas as persoas de 65 anos ou máis ingresados en residencias ou non e que se corresponde co grupo de persoas con maior risco de complicacións. Esta ampliación de idade nesta última vacina significa un incremento do 72% de doses con respecto ao ano pasado. Todos os centros disporán dos tres tipos de vacinas. Outra novidade salientable da campaña 2019, en canto á poboación diana, é a inclusión como grupo de risco aos nenos de entres 6 meses de idade que naceran prematuros (con menos de 32 semanas de xestación) e a incorporación explícita das persoas con trastornos da coagulación.

Sociedade

Publica o teu comentario agora