Guillerme Vázquez culpa ás políticas económicas das administracións do aumento do desemprego

Guillerme Vázquez culpa ás políticas económicas das administracións do aumento do desemprego

28 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, analizou, nunha reunión que tivo lugar onte no salón de actos do Edificio Sindical en Lugo, o actual momento económico polo que atravesa Galicia. Vázquez referiuse ao modelo económico imperante ao que culpou do incremento da taxa do desemprego, do que afirmou que “continuará a medrar en Galiza e no Estado se non mudan as prioridades das políticas económicas tanto do Goberno galego como do Gobe

“O incremento do desemprego non é unha maldición bíblica. É consecuencia dun determinado modelo de política económica, o que se veu denominando paradigma neoliberal”, argumentou o líder nacionalista durante a xuntanza que serviu para que a fomración nacionalista presentase as súas alternativas ante a crise económica.

Vázquez tamén ollou cara o déficit público, cando dixo que “se os gobernos só prestan atención ao control do déficit e ás grandes cifras macroeconómicas, o paro continuará incrementando de maneira acelerada e rachando todas as marcas históricas”. Para o mandatario do BNG, “esta é unha política irracional e que non convén á maioría da poboación”, polo que habería que “introducir novas prioridades, posto que o obxectivo principal dos gobernos debe ser a creación de emprego e non tanto satisfacer aos chamados mercados internacionais de capitais”.

O portavoz nacional tamén alertou sobre que “ante os novos dados do paro” os “apóstoles do neoliberalismo” clamarán “máis unha vez” por unha “nova reforma laboral”.

“As traballadoras e os traballadores xa saben qué significa a expresión reforma laboral. Significa sempre recorte de dereitos. E a aplicación de receitas xa ensaiadas no pasado e que nunca deron froito”, alegou o líder do BNG, nun acto no que compartiu a tribuna co responsábel comarcal de Lugo-Centro do BNG, Antón Bao; e co secretario comarcal da CIG, Xosé Ferreiro.

O propio Vázquez tamén quixo facer fincapé da necesidade de levar adiante unha reforma, pero que debe ser a do sector financeiro, “para garantir que o crédito volte a fluír e se poña a disposición de particulares e do tecido produtivo das pequenas e medianas empresas”. Nese sentido, avaliou que a Lei de Caixas impulsada polo BNG representaba “un paso moi importante na boa dirección”, polo que lamentou que “fose boicotada polo Goberno Zapatero”.

“O Goberno Zapatero estase especializando en facer xusto o contrario do que ten que facer. No canto de incentivar o consumo, sube o IVE. No canto de pór as caixas galegas ao servizo da economía produtiva, bloquea a Lei de Caixas”, denunciou, ao tempo que dirixiu tamén críticas ao Goberno Feijóo: “Xusto no momento en que se precisa o reforzo dos servizos públicos, para criar emprego e para atender as necesidades dos máis desfavorecidos, o Executivo galego aposta polo desmantelamento e pola privatización”.

Sobre as caixas

A Lei de Caixas ficaría foi outro dos puntos que se tocaron no acto de onte na cidade das murallas. Para Vázquez a Lei de Caixas e a fusión “son un pack, no que a unha non se entende sen a outra”. Por iso reiterou “que o Goberno do Estado debe atender o mandato do Congreso e retirar o recurso e demandamos ao Goberno Feijóo que se poña a tutelar de vez o proceso”.

Sobre o papel do presidente da Xunta nesta fase das conversas entre as caixas, dixo: “O papel do presidente non pode ser o de ofrecer roldas de prensa para dar ou quitar medallas aos directivos. O papel do presidente debe ser o de gobernar e o de liderar o proceso para garantir a fusión, facendo bo o criterio de que os directivos das caixas teñen que dicir, pero non que decidir”.

Sobre o aforro galego, engadiu, “quen ten que decidir é o poder político do noso país, porque do que estamos falando é de ter ou non ter un sistema financeiro propio de Galicia”.

Sociedade