Guitiriz acolle desde hoxe o primeiro dos cursos de formación para voluntarios de Protección Civil da provincia de Lugo

Guitiriz acolle desde hoxe o primeiro dos cursos de formación para voluntarios de Protección Civil da provincia de Lugo

05 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Trinta voluntarios pertencentes ás agrupacións locais de Protección Civil de Guitiriz, Vilalba e doutras localidades limítrofes de A Coruña participarán no primeiro dos catro cursos de formación que a Xunta de Galicia programou para a provincia e que se celebrará entre o 5 e o 10 de abril na Casa Habanera de Guitiriz. Os contidos serán teóricos e prácticos, impartíndose estes últimos o sábado 10 de abril.

A Academia Galega de Seguridade Pública, que financia esta iniciativa, realizou unha convocatoria pública para recoller as solicitudes das agrupacións locais e programar os cursos segundo as necesidades detectadas.

A organización das actividades corre a cargo do Servizo de Emerxencias e Interior da Delegación Territorial de Lugo, que concerta con profesorado cualificado as tarefas de aprendizaxe dos distintos contidos. Os cursos constan de 20 horas lectivas, teóricas e prácticas, durante as cales os voluntarios aprenden conceptos e pautas de actuación en materia de incendios, comunicacións ou primeiros auxilios, así como coñecementos de utilidade acerca do funcionamento e coordinación co servizo 112.

As clases son impartidas por persoal do Servizo de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, bombeiros e médicos do 061. Estes últimos son os encargados de ensinar nocións básicas de primeiros auxilios aos voluntarios de Protección Civil, que en numerosas ocasións son os primeiros en asistir ás persoas involucradas nun accidente.

Iniciativa que afectará a 120 voluntarios da provincia

En torno a 120 voluntarios pertencentes ás agrupacións locais de protección civil en toda a provincia terán acceso aos cursos de formación que desenvolverá a Xunta de Galicia. Tras Guitiriz, a vila de Sarria acollerá o segundo curso, que se celebrará entre os días 19 e o 24 de abril.

Lugo e Folgoso do Courel serán as seguintes localidades nas que se organicen estes cursos básicos de Protección Civil. En todos os casos, o límite de participantes establécese en 30, e as prazas distribúense entre todos os concellos que presentaron peticións, agrupados por proximidade xeográfica e  atendendo ao número de solicitudes recibidas.

Sociedade