Guitiriz baixo o enfoque do fotógrafo Eduardo Martínez

Guitiriz baixo o enfoque do fotógrafo Eduardo Martínez

10 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Casa Habanera de Guitiriz acolle unha mostra de fotografía sobre esta vila chairega. Baixo o título de “Guitiriz Latente” esta exposición, que estará aberta ata o vindeiro 10 de xullo, recolle parte da obra que o artista coruñés Eduardo Martínez ten sobre o municipio lucense. A mirada propia e a forma de entender o mundo do fotógrafo é parte indisociable desta colección de instantáneas.

“Tentei recrear a expresión da vila en imaxes, as súas variedades sensitivas, a súa propia esencia”, estableceu Martínez durante a presentación da mostra, á que acudiron a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, e a Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez.

 

A serie de fotografías recollen diferentes partes que definen a propia natureza da alma e do corpo deste pobo chairego. Así, no recinto da Casa Habanera está presente a natureza morta das canteiras, o ruxe ruxe dun día de mercado en Parga, a soidade e a tranquilidade do campo guitiricense, os monumentos emblemáticos da vila baixo a morna luz do inverno... Pero tamén se poden ver fotos de veciños e veciñas que aportan a visión dunha forma de vida alonxada “dos excesos e da alienación da gran cidade”.

Nas fotografías de Eduardo Martínez existe unha parte da propia personalidade do autor. Para Martínez “a creación artística é unha forma de comunicar, de expresar o que forma parte de nós, da nosa individualidade”. Na súa obra tamén aparece presente a idea de continuidade e dunha atemporalidade que se adona dos edificios, das xentes ou das formas que adopta a natureza. Outro dos elementos atopados como camiños converxentes, como non podía ser doutra maneira, é a auga. Este elemento é un elemento intrínseco á propia esencia de Guitiriz e, polo tanto, tamén o é da mostra.

O espectador de “Guitiriz Latente” poderá observar lugares comúns, realidades cotidianas baixo un prisma novo, diferente, que, disfrazado de evidencia, leva a un discurso maior, como é o caso da deslocalización de escenarios. A súa mirada cara a estación do tren da vila parece evocar paisaxes abandonadas de Ohio ou Dakota.

Outra das intencións pretendidas de Martínez foi poñer de manifesto o retorno ao antigo como forma actual de modernidade. “Neste momento estamos a vivir unha forma de retorno ás vellas formas de vivir e de producir. Isto vese como algo actual, cando non o é. Isto foi outra das miñas intencións da mostra”.

Esta exposición é parte dun proxecto mais amplo que, baixo o título “Galicia latente”, fai explícita a súa visión de vinte vilas galegas de diferentes ámbitos poboacionais, tanto rurais como urbanos. “Galicia latente trata de explorar as diferentes realidades de Galicia. Trata de amosar as contradicións e as diferenzas das poboacións das vilas galegas. Con esta mostra tento explorar a expresión propia de Galicia”, recoñece Martínez. O propio autor escolleu unha fotografía de cada vila para unha mostra que o Círculo Cultural Gallego de París levou á cidade do Senna.

Cultura