Habelos hailos

os cogomelos abondan este ano
28 de Outubro, 2020 - 02:16 h. | Publicada por Radio Fene

Hai cogomelos de sobra polos nosos montes e campeiros. Forgoselo ou a Capelada son algunhas das zonas máis visitadas e onde hai espazo suficiente, en palabras do presidente de  Viriato, Manolo Costas. 

ESCOITA O PODCAST:

Un quilogramo de níscalos vai hoxe a 20€ nun mercado da Coruña. A valoración dos cogomelos como o manxar que chegaron a ser é relativamente recente en Galicia. Débello moito ás asociacións micolóxicas que foron nacendo por todo o país nos anos 80. En 1983 naceu a Asociación Micolóxica Viriato na comarca de Ferrol. A súa sede primeira estivo en Fene, na escola de Sillobre, e a actual na antiga escola da Armada de Maniños onde, cada luns de 18 a 19 horas, podemos levar as setas que teñamos apañado para clasificalas e asegurarnos de que son comestibles coa axuda destes expertos. O presidente de Viriato, Manolo Costas, infórmanos que este outono non haberá Semana micolóxica como a que organizan anualmente en Ferrol, a causa da Covid19. Tampouco acudirán ás Pontes onde tiñan previsto un acto o dia 31.

Acordámonos de Santa Bárbara cando trona e lembrámonos dos cogomelos cando chega o outono. Pero como ocorre coas meigas, afirma Costas, os cogomelos habelos hailos todo o ano aínda que florecen agora no outono. Este ano podemos falar dunha explosión. En palabras de Manolo Costas, “hai de sobra polos montes. En calquera sitio, nun campeiro, nun piñeiral, nun souto…” Pero advirte que a invasión dos eucaliptos está modificando esa situación. Os boletus edulis son os cogomelos mais comúns nos nosos montes pero hai unha gran variedade deles. “Coñecelas e identificalas é fundamental” afirma Costas para quen o lema é que non se coma nada que non se coñeza.

Dada a situación sanitaria actual, os socios de Viriato saen ao monte cada un pola súa conta e despois clasifícan xuntos, pero nunca máis de cinco persoas, como mandan as normas. De cogomelos no mercado dí Costas non entender nada, pero non se sorprende do prezo dos níscalos porque "os cogomelos galegos son o mellor da península ibérica" e non o di por decir.

 

(Imaxe propiedade de Viriato)

Cultura

Publica o teu comentario agora