Hai lonxa e hai peixe

Hai lonxa e hai peixe
31 de Marzo, 2020 - 10:50 h. | Publicada por Radio Fene

A lonxa da Coruña abre cada día. Aínda que se suprimiu a subasta, como medida para evitar as aglomeracións de persoas, o peixe véndese directamente aos compradores.

ESCOITA O PODCAST:

Hai lonxa

“Que non teñan medo que de momento hai peixe. Se non houbera, nós seriamos os primeiros en informar” Así de claro se manifesta Manuel López Hermida, da peixería Marina de Maniños. Quere aclarar que  houbo un malentendido e a xente pensou que pechaban as lonxas. A da Coruña, que é onde compra cada día o noso protagonista, abre todos os días aínda que coas restriccións especiais que require a situación de alarma. Teñen que entrar na lonxa de 20 en 20 e teñen limitado o tempo para a compra a 15 minutos. Quizás o que deu pé ao malentendido fora que se suprimiu a subasta. No seu lugar, o pescadeiro negocia directamente o prezo dos lotes co vendedor. “Dentro do malo é unha boa medida” sentencia Manuel López Hermida.

Os prezos

En relación cos prezos, o pescadeiro de Maniños aclara que en xeral o prezo é o mesmo para os peixes que mercan habitualmente as familias; xurelo, lirio, pescada, etc. Os prezos que baixaron moito foron os dos peixes e mariscos que normalmente compran os restaurantes. Véxase rodaballo, percebes, linguado, etc. O peche obrigado dos negocios de restauración provocou esa cáida de prezos, pero só nesas especies. Pon Manuel o exemplo do rodaballo que antes valía 90 euros/quilo e agora vai a 45.

Hai peixe

En relación coa cantidade de peixe, a situación é normal, menos onte por culpa do temporal de vento. Nos primeiros días da crise, os clientes de Manuel López comportáronse dun xeito moi semellante a como o fixeron nos supermercados, comprando moita cantidade de peixe para conxelar. Hoxe en día normalizouse a situación e venden normal, nin máis nin menos que antes da alarma, asegura Manuel. Por culpa do temporal, hoxe non hai xurelo pero compensa a abundancia de xiba que esta mañá ía a 8,90€ /quilo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora