Hai que preparar a merenda

Hai que preparar a merenda
19 de Agosto, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Música, maxia e as tradicionais merendas será os protagonistas, o vindeiro domingo 27 de agosto, da Romaría do Pote de Maniños. Airiños de Fene, A Banda da Loba, O Sonoro Maxín e o mago Dani conforman o amplo programa festivo da Romaría do Pote.

 

Arquivo Jorge Gómez

Un ano máis o campo da festa do Pote verase inzado de grupos de merendas de familias e amigos que darán continuidade a esta Romaría laica, que acada este ano as 90 edicións. Naquela primeira Romaría de 1933 a música veu da man do coro Toxos e Froles que coa súa actuación fixeron a inauguración oficial do palco do campo da festa. 

Este ano o programa da Romaría ten unha completísima presenza musical coa programación do “Festipote” o festival que naceu da man da Romaría.

Airiños de Fene terá unha dobre presenza durante a xornada festiva. Ás 11:30 da mañá, as escolas da entidade abrirán a programación e a formación de Airiños ao completo abrirá o Festipote ao redor das 19:00 horas.

As actividades da mañá completaranse co espectáculo de maxia do mago Dani García ás 12:30 e culminará cunha degustación de mexillóns que a sociedade ofrecerá aos visitantes.

A programación do Festipote abrirase ás 19:00 horas coa actuación de Airiños de Fene que dará paso á Banda da Loba contra as 21:00 horas e terá como broche douro a actuación de O Sonoro Maxín, que recunca nesta Romaría pois xa actuaron na edición do ano 2012.

Algunha sorpresa máis nos terá preparado a directiva da ASDR O Pote para a celebración deste noventa aniversario. Haberá que preparar a merenda.

 

 

Na imaxe, Felipe Bello Piñeiro e Juan Rof Codina falando no campo da festa de Maniños

Posiblemente arredor de 1930

Arquivo Jorge Gómez

Cultura

Publica o teu comentario agora