Humor e saudade na literatura

Humor e saudade na literatura
28 de Decembro, 2018 - 12:12 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene convida a veciños e veciñas a tomar parte este sábado, a partir das 12 horas, na presentación de “Al Rey de los Ángeles”, a última novela do xornalista e escritor Ramón Loureiro, editada por Hércules de Ediciones. Un acto que se celebrará no CMI Unidade de Fene, con entrada libre, e organizado pola Concellería de Promoción Turística. Precisamente, o edil de área, Juan José Franco, explicaba esta mañá que o
acto plantéase tamén a modo de homenaxe ó escritor.

Ramón Loureiro con Henrique Sanfiz en Radio Fene

Un xeito de trasladarlle o recoñecemento e agarimo dos seus veciños e veciñas. “Al Rey de los Ángeles” supón o regreso á ficción do autor tras a publicación, en 2013, de “La asombrosa conquista de la isla ballena”. A obra culmina así o ciclo iniciado pola chamada Triloxía do Norte, composta por “Las galeras de Normandía”, “León de Bretaña” e “El lejano reino de la Vía Láctea”. “Al Rey de los Ángeles” é un libro repleto de humor e de melancolía, no que os Reis Magos viaxan a Galicia, no que reaparece o manuscrito do Quixote e no que, a través da ironía das máscaras da ficción, convídase a reflexionar sobre a deshumanización que caracteriza este tempo de ferro que nos tocou
vivir. Ramón Loureiro fai partícipe ao lector de “a verdadeira viaxe dos Reis Magos”.
Sobre Ramón Loureiro
Ramón Loureiro (Sillobre, 1965), Premio Julio Camba de Xornalismo e académico de número da Academia de San Rosendo, creou un universo
narrativo propio, a medio camiño entre os mapas e os soños, que ten o seu epicentro na chamada Terra de Escandoi, trasunto do seu Sillobre natal e de canto desde alí se ve. Un territorio que se estende por todo o norte galego, ao que el denomina a Última Bretaña, e no que brillan con luz propia a Terra Chá e as cidades de Ferrol e Mondoñedo (racionalista e atlántica a primeira, poética, levítica e sempre brumosa a segunda). O empeño que Loureiro puxo en converter ese territorio, as súas propias paisaxes vitais, en literatura valeulle distincións como a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol, o Premio Letras de Bretaña, o Premio Caminhos da Memoria (outorgado pola universidade portuguesa do Minho) e o título de Embaixador Permanente de Fene. Foi xurado do Premio Nacional de Literatura e do Premio Nacional da Crítica.

Seguro que che interesa
Cultura

Publica o teu comentario agora