I Quedada fotográfica en Neda

I Quedada fotográfica en Neda

18 de Abril, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Máis de 60 persoas de toda a provincia da Coruña participarán este sábado, 20 de abril, na I Quedada Fotográfica Real Vila de Neda. A acción inclúese na programación de actos promovidos pola Administración local para conmemorar, neste 2013, o XXV aniversario da Festa do Pan.

O punto de partida dos fotógrafos –profesionais e afeccionados– será o adro da  Igrexa de Santa María, zona de arranque da Ruta dos Muíños. Dende alí partirán ás 10 horas para retratar os extraordinarios recursos naturais e tamén arquitectónicos que garda a ruta. Os participantes descubrirán así o proceso de elaboración do pan e vivirán de preto un entorno inigualable, o que conforme ao seu paso o río Belelle. Concluirán a xornada nun dos muíños locais, onde poderán degustar productos típicos dos fornos de Neda.

Na organización do evento, o Concello conta coa colaboración do fotógrafo local Tomás Morado. Ao remate da Quedada, os fotógrafos poderán aportar dúas das imaxes da xornada e, de entre todas elas, o Concello elixirá os mellores traballos  para configurar unha exposición na Casa das Palmeiras que Turismo fará coincidir en datas próximas á Festa do Pan, no mes de setembro.

Sociedade