As ideas de Piaget aplicadas á educación científica

As ideas de Piaget aplicadas á educación científica

21 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A provocación intelectual como ferramenta para difundir o coñecemento científico. Esa é unha das teorias de Ramón Núñez, actual director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxia, quen o vindeiro martes fala na Casa de Galicia en Madrid sobre os museos de ciencia no século XXI,

Esta conferencia insríbese no Ciclo "Científicos de Galicia", que presenta e modera Miguel Ángel Alario, da Real Academia de Ciencias.

Ramón Núñez Centella (A Coruña, 16 de agosto de 1946) é divulgador científico. Licenciado en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela e Master of Arts en Ensino das Ciencias por New York University, concebiu e deseñou os tres Museos Científicos Coruñeses, creados polo Concello da Coruña. O conxunto está formado pola Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae. Ramón Núñez dirixiu os tres museos desde a súa creación ata o ano 2008. Na actualidade é director do MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía de España). Máis alá do seu labor museolóxica, contribuíu á educación e divulgación da ciencia con artigos en prensa, conferencias e colaboracións en televisión e radio. Está considerado como o impulsor da nova museoloxía científica en España.

Fillo, neto e bisneto de mestres, Ramón Núñez Centella (Moncho Núñez), dedicouse ao ensino das ciencias desde 1970, cando tamén se integrou no grupo Padres e Mestres, dirixido por Jesús Garrido, en cuxa revista publicou numerosos artigos sobre didáctica e sobre a aplicación das ideas de Jean Piaget á educación científica. Realizou a adaptación a España do programa SCIS, da Universidade de California en Berkeley, para o ensino activa da ciencia a nivel elemental. En 1976/77 formou parte do equipo do Project City Science (New York University) baixo a dirección de F. James Rutherford. En 1983 foi nomeado director do Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña, desde onde propuxo e deseñou a Casa das Ciencias, que foi inaugurada en 1985 baixo a súa dirección. Dende entón exerceu como divulgador, defendendo a interdisciplinariedade, a diverxencia, o espírito lúdico e a provocación intelectual como ferramentas educativas, creando de feito unha escola de divulgadores vinculados aos museos científicos coruñeses. Con eses mesmos principios deseñou e dirixiu, ademais, a Domus (Casa do Home) e o Aquarium Finisterrae (Casa dos Peixes), inaugurados en 1995 e 1999, respectivamente.

Colaborador habitual da revista Muy Interesante desde 1991, tamén publicou artigos de opinión e de divulgación científica en diarios como El País, La Vanguardia, Diario 16 e La Voz de Galicia, onde foi un dos creadores do suplemento "La Voz de la Escuela". En 1992 recibiu o Premio Nacional de Periodismo Científico, outorgado polo CSIC. É membro da Academia de Gastronomía de Galicia, da Asociación Española de Periodismo Científico, da New York Academy of Sciences e da Royal Institution. Pronunciou centenares de conferencias en todo o mundo sobre museoloxía, divulgación, didáctica das ciencias, xornalismo científico e historia da ciencia.

 

A conferencia principiará ás 20 horas.

CASA DE GALICIA

R/Casado del Alisal, 8. CP: 28014 Madrid

Tlf.:91 595.42.00 Fax: 91 595.42.33 |

casa.galicia@xunta.es

Cultura