Identificadas as persoas participantes nunha festa ilegal

Identificadas as persoas participantes nunha festa ilegal
24 de Febreiro, 2021 - 06:57 h. | Publicada por Radio Fene

Un vídeo colgado na rede social Twitter foi o desencadeante dunha investigación policial a tres bandas que deu como resultado a identificación dos 12 mozos -tres deles menores de idade- que participaron na noite do pasado venres nunha festa ilegal organizada nunha vivenda da zona de Santa Ana, en Fene. As pesquisas concluíron esta mesma mañá tras completar a localización e filiación de todos os participantes que, segundo informou a Policía Local de Fene, serán denunciados por vulnerar a prohibición de xuntarse persoas non conviventes, por sobrepasar o horario de inicio do toque de queda e, na maioría dos casos, por saltar o peche perimetral dos seus respectivos concellos de residencia. Os feitos tamén se porán en coñecemento das autoridades sanitarias de cara a detectar posibles positivos. De darse esa circunstancia, á denuncia por unha infracción administrativa podería engadírselle outra pola comisión dun delicto contra a Saúde Pública.

Parque Castelao. Fene. Fotografía: César Galdo

O primeiro aviso recibiuno o mesmo venres a quenda de noite da Policía Local de Ferrol por medio dunha chamada dunha veciña dese municipio alertando dun vídeo que circulaba polas redes sociais no que se vía a varias persoas novas participando nunha festa nun domicilio.No vídeo non se precisaba o lugar exacto, pero os comentarios publicados na rede e os datos de localización da publicación permitiron situar a reunión nalgún punto indeterminado de Fene. Un dato que a policía local ferrolá lle comunicou de inmediato á Garda Civil para que realizase as indagacións oportunas, aínda que sen obter ningún resultado.

Foi á mañá seguinte cando a Policía Local de Fene revisou as imaxes e recoñeceu nelas a tres menores do municipio, o que lles permitiu aos tres corpos de seguridade seguir tirando do fío ata localizar aos outros nove participantes, catro deles con domicilio en Ferrol, tres residentes en Narón, un veciño de Neda e outro de Monfero, todos eles con idades comprendidas entre os 16 e os 22 anos.As pesquisas da Policía Local fenesa tamén situaron o lugar da celebración nunha vivenda da zona de Santa Ana, propiedade ao parecer da familia dun dos participantes.

Todos os implicados xa foron identificados formalmente e a Policía Local de Fene ultimaba este mediodía o informe de denuncia no que se recollen as correspondentes propostas de sanción administrativa por saltar tres restricións en vigor: exceder o horario de recollida das 22.00h., a xuntanza de persoas non conviventes e, no caso de nove dos integrantes da reunión, tamén a vulneración do peche perimetral dos seus respectivos concellos de residencia.

Os feitos tamén se porán en coñecemento das autoridades sanitarias de cara a que se faga un seguimento de posibles casos  de coronavirus entre os participantes. Se se detectase algún positivo, á denuncia por unha infracción administrativa uniríaselle, nese caso concreto, outra por un suposto delicto contra a Saúde Pública, que podería significar unha sanción de tipo penal.

Desde a Concellaría de Seguridade e a Policía Local de Fene destacouse "a estreita colaboración entre policías locais e Garda Civil" que permitiu identificar aos responsables. Tamén se agradeceu "a colaboración cidadá" que desencadeou a investigación "duns feitos irresponsables e moi perigosos nestes momentos", tal e como apuntou a concelleira do ramo, Sandra Permuy.

A concelleira engadiu que a Policía Local "continuará traballando en colaboración co resto de forzas para asegurar dentro das súas posibilidades que se cumpra a normativa, sobre todo agora que se van aliviar as restricións". Neste sentido, o Concello volve apelar á responsabilidade individual pedíndolle á veciñanza que  "se adopten todas as medidas de protección e observando sempre as restricións que estean en vigor. Diso depende que poidamos saír desta situación o antes posible".

 

Institucional

Publica o teu comentario agora