A II Edición da Festa de Xogos Tradicionais de Muimenta repite éxito de público e de participación

A II Edición da Festa de Xogos Tradicionais de Muimenta repite éxito de público e de participación

07 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Festa de xogos tradicionais de Muimenta rematou onte a súa II Edición ampliando o éxito do ano pasado, dado que foi moi numeroso o público que se achegou ata o recinto Manuel Vila López da localidade chairega para poder desfrutar e aprender do universo lúdico galego. Ademais dos 40 campos adicados aos xogos, tamén houbo espazo para exposicións e obradoiros. Xunto coa Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu), participou a Bizkaiko

Ademais, durante todo o día houbo tempo para diferentes torneos, como o de birlos, de chave, ou o de billarda. O encargado de entregar os trofeos e de pechar a xornada foi o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao. O responsable provincial estivo acompañado da tenente de alcalde do BNG da Pastoriza, Elba Carreira, así como do director do INLUDES, Luís Edrosa, e o alcalde máis concelleiros das tres forzas políticas de Cospeito. Bao entregou o premio ao vencedor do aberto de billarda, chamado “aberto da filloa” (porque o premio consistiu tamén nun feixe de filloas – produto típico de Muimenta), que resultou ser o xogador local Miguel Morán.

Antón Bao felicitou aos organizadores do evento e a todas as persoas que participaron nel e destacou que grazas a iniciativas deste tipo a xente pode volver a interesarse nos xogos tradicionais. Do mesmo xeito, Antón Bao puido practicar diversos xogos dos que se practicaron durante a xornada e ratificou o apoio da Área de Cultura da Deputación para o ano que vén, e lanzou o reto de participar nos xogos o vindeiro ano.

O responsable da área de cultura provincial, Antón Bao, afirmou o compromiso da Deputación “con Asociacións como a Xotramu, cuxa labor de recuperación de aspectos culturais específicos do noso país é importante para que todas as xeracións, sobre todo as novas, teñan a posibilidade de coñecer de primeira man os xogos tradicionais”.  

Bao valorou positivamente a actividade que leva a cabo esta asociación muimentina ao cualificar de “moi exitosa” a súa tarefa, “porque nos permite potenciar este tipo de xogos, que son parte do patrimonio deste país, xa que forman parte da nosa cultura material e inmaterial, ademais de potenciar elementos identitarios”. Para o nacionalista será importante a participación da xente nova, xa que “é unha semente para a conservación deste tipo de cultura da nosa terra”.

Participación dunha Asociación de xogos tradicionais de Esukadi

Entre as principais novidades estivo a presenza da Bizkaiko Herri-Kirol Federazioa, que achegou aos visitantes diversos xogos vascos, como os harrijasotzailes, que son levantadores de pedras; os aizkolaris, cortadores de troncos con machado, así como xogos da zona de Iparralde (país vascofrancés), como o ungudea, que é o levantamento de bigorna; a lasto Altzatzea, lanzamento de fardo, ou os trontzalaris, que é o corte de troncos con serra.

40 campos de xogos e 15 obradoiros    

Para que os pequenos e os maiores desfrutasen coas vellas formas de entretemento, o recinto Manuel Vila López dividiuse en 40 campos nos que se disputaron mais de 100 xogos diferentes. Pero tamén houbo 22 postos de exposicións de xoguetes e xogos e 15 obradoiros de creación dos mesmos.

Outra das novidades foi a participación dunha asociación portuguesa que amosou cómo se xoga á Virala Vara e A Patela. Pero tamén houbo espazo para os galegos como o da Porca, O Palmo, A torada, así como o tiro con escopetas de Madeira. Outro dos puntos fortes foi a demostración de A Bugalliña, no campo número 10, que é un xogo realizado en exclusiva por mulleres e que, a día de hoxe, soamente se xoga no Concello ourensá de Carballedo de Avia.

A participación e a entrada foi de balde e non fixo falta inscrición previa. Tamén houbo a posibilidade de xantar no mesmo recinto, cun menú especial de 10 euros.

Difusión dos xogos tradicionais

A asociación Xotramu vai centrar parte dos seus esforzos, ademais da propia organización deste evento anual, en difundir a práctica dos xogos tradicionais por diferentes comarcas luguesas, facendo fincapé en aprender estes xogos aos máis pequenos, para o que colaborarán con outras asociacións e sobre todo centros de ensino.

A Área de Cultura e Deportes da Deputación, anunciou o seu apoio a estas iniciativas de Xotramu, posto que se atopa dentro da súa política de proximidade ao asociacionismo lucense. Desde a institución lucense afirmouse que as actividades de esta organización muimentina encaixa á perfección nos seus programas de defensa da cultura propia, porque “ten como unha tarefa a desenvolver a promoción dos nosos xogos tradicionais porque forman parte do noso patrimonio cultural, material e inmaterial, de Lugo e do país, e tamén porque potenciando estes xogos estamos poñendo de relevo características propias, a identidade propia deste país, e a través deles outros elementos como a lingua”.

Cultura