A III Gala contra o Cáncer encherá Ordes este venres

A III Gala contra o Cáncer encherá Ordes este venres

28 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes ten todo preparado para acoller o próximo venres 30 de abril a celebración da III Gala contra o Cáncer, que traerá ao municipio a milleiros de visitantes para ver no escenario á Orquesta Panorama acompañada dun gran elenco de artistas de primeira liña como Isabel Pantoja, Sergio Dalma, Carlos Baute, Kate Ryan, Juan Magán, Tamara, Soraya, Seguridad Social, Melocos e Santa Fé.

Para isto está preparado un amplo dispositivo de seguridade no municipio que estará composto por máis de 100 persoas de diferentes corpos de seguridade e emerxencias como a Garda Civil, Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, seguridade privada, Cruz Vermella e un posto de mando avanzado da AXEGA (Axencia Galega de Emerxencias). Para velar pola seguridade dos asistentes o recinto do concerto estará videovixiado por este camión de posto de mando avanzado de AXEGA, unha videovixiancia que conta coa autorización da Delegación do Goberno en Galicia.

Ademais, o día do concerto, venres 30 de abril, levaranse a cabo cortes en diferentes rúas do municipio. Así, dende as 18 horas cortarase a rúa Canteira coa N-550, a rúa Compostela coa N-550, a rúa do Mercado con rúa Compostela, a rúa do Mercado con rúa Canteira, a rúa de Campeiras co Recreo e a rúa Campeiras tamén con Alfonso Lesta.

Por outra banda estará prohibido estacionar e circular pola rúa da Feira, a rúa do Muíño e o tramo da rúa Compostela dende a rúa do Mercado, dende as 10 da mañá do venres ata as 7 horas do sábado 1 de maio.

Dende a organización e os corpos de seguridade fan un chamamento a todos os asistentes ao evento para que cumpran as normas e recomendacións establecidas. Así recoméndase a todos aqueles que se acheguen en coche a que utilicen os párkings das entradas do pobo, no tanatorio, no polígono industrial, na piscina climatizada ou na rotonda do Paraíso. Ademais a empresa de transporte Castromil- Monbus reforzará o servizo de autobuses e os horarios poderán consultarse nas estacións de autobuses.

Por outra banda os locais de hostelería non poderán instalar mesas e sillas na vía pública, e tampouco poderán deixar sair dos locais con vasos e botellas de vidro. Tamén se prohibirá o acceso ao recinto con obxectos perigosos, con vasos ou botellas de vidro.

Dende o Concello de Ordes e os corpos de seguridade esperan que os asistentes cumpran este tipo de recomendacións polo bo desenvolvemento do concerto, ao que se espera que se acheguen milleiros de persoas, tal e como ocurriu en anteriores edicións.

Sociedade