A ilusión e a nostalxia da Corporación de 1979

A ilusión e a nostalxia da Corporación de 1979

23 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O municipio é por antonomasia unha escola da cidadanía. O 3 de abril de 1979 a cidadanía de Fene participou de xeito masivo con ilusión nas primeiras eleccións da actual etapa democrática. Maniféstase así na moción conxunta da Corporación local lida esta mañá e que se aprobará no vindeiro Pleno. A proposta recoñece o traballo de todos os concelleiros elexidos naquela data.

Fene coa democracia chamouse o emotivo acto celebrado esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello de Fene. Os membros daquela Corporación elexida hai 30 anos lembraron anécdotas, esforzos e a ilusión coa que sairon elexidos polos cidadáns, polos veciños e veciñas naqueles primeiros anos da transición política da dictadura á democracia. Como voceiro de Unidade Galega, actuaba o veciño de Limodre Serafín Vilar. El,  a dia de hoxe, síntese satisfeito de terse adicado á actividade política, ao servizo da cidadania.

Antonio Rivera era concelleiro da Unión de Centro Democrático. Lembra daquela Corporación os interminabeis debates entre Moncho Bello, Serafín Vilar e José Piñeiro. Pelexábanse moito pero tamén resolvían os asuntos, afirmou.

Jose Piñeiro Arnoso representaba ao Partido Comunista de Galicia. Esta mañá gabou a nobleza da actividade política e o equiparou coa aspiración do poeta Miguel Hernández quen soñaba con coidar un rebaño de cabras. O seu desexo sería tamén implicar á xente nova na actividade política.

O voceiro do Partido Socialista Obreiro Español era Julio Santos quen lembrou que a Corporación de 1979 recolleu o testigo do Concello da Segunda República. Eran tempos de I + D + I, ilusión, democracia e inxenuidade.

Logrouse que Fene fora referente en moitos aspectos en Galicia e incluso no estado. Traballouse pola cidadanía con momentos duros e agradabeis. Para Xose María Rivera Arnoso (Bloque Nacionalista Galego) foi unha honra estar á fronte do Concello durante 28 anos, caseque media vida.

A interpretación de Negra Sombra por parte do grupo de metais Santa Cecilia puxo a nota musical de nostalxia e de saudade nun emotivo acto que tamén serviu para reivindicar a nobleza da actividade política, da vida municipal.

Na intervención final do alcalde de Fene, Iván Puentes, gabou a labor levada a cabo polos homes e mulleres da primeira corporación democrática de Fene. “Hai que saber mirar atrás e lembrar a época dourada da transición, de soños colectivos agochados e de loita política que se farían tanxibles co paso do tempo”, declarou Puentes.

Sociedade