Imeldo Corral volve a casa

Imeldo Corral volve a casa

09 de Outubro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Fundación NovaCaixaGalicia de Ferrol inaugura unha exposición sobre o pintor Imeldo Corral, (1889- 1976) poñendo o acento no seu amor pola paisaxe e no seu galeguismo. Os 30 cadros que se amosan responden a comenzos do século XX e a mostra ábrese baixo o título "Imeldo Corral, paisaxista das irmandades", comisionada por Xosé Carlos L. Bernárdez. Contémplase un programa de actividades didácticas paralelas para escolares

Nacido en Ferrol en 1889, foi a súa precaria saúde a que lle fíxo abandoar outros estudos e dedicarse á pintura. Traballou como copista no Museo do Prado. Comezou a expoñer polo 1912 e continuou facéndoo en tódalas cidades de Galicia, en Madrid e Sudamérica. A súa popularidade era considerable, xa que participaba en cantas iniciativas artísticas se daban na súa cidade natal, verdadeiro viveiro de pintores desde o século XIX, con figuras tan notables coma Villaamil, Máximo Ramos, Bello Piñeiro, Sotomayor, etc. A derradeira exposición, de carácter antolóxico, celebrouna en en Ferrol en 1975 con paisaxes e mariñas, que eran os seus temas preferidos.

Conseguiu distincións coma a medalla ó Mérito Artístico do Concello do Ferrol, xa moi enfermo, o 7 de xaneiro de 1976. Foi membro numerario da Real Academia de Belas Artes do Rosario, da Coruña, e membro de honor da Sociedade Artística Ferrolá. Hai obra súa nos museos da Coruña, Lugo, Vigo, Santiago, Bos Aires e A Habana, e mais en coleccións particulares de todo o mundo. Ruas da cidade departamental e da cidade herculina levan o seu nome.

Ramón Otero Pedrayo entendía que a paisaxe é o alicerce e o futuro do país e que para chegar á universalidade cómpre partirmos da galeguidade. Nos óleos de Imeldo Corral contemplamos, para alén dunha imaxe romántica con matices
simbolistas, a ideoloxía que o escritor ourensán promovía.
A plenitude da obra do artista ferrolán aparece ligada a un dos episodios máis relevantes da historia cultural; o capítulo
que abrangue desde a creación das irmandades da Fala en 1916 ata o inicio da guerra civil. A fundación das Irmandades da Fala é o feito que marca de maneira máis determinante a transición política do rexionalismo ao nacionalismo. Imeldo Corral é membro da Irmandade da Fala ferrolá e mantén amizade con moitos escritores ligados ao  nacionalismo.

Dín da sua pintura:

·Considerables dotes de abstracción, autodidacta, intuitivo, espontáneo e intimista.
Un sentidor da natureza, un poeta que se expresa cos pinceis.
·As súas obras abarcan amplos espazos. Pinta cun grafismo case minucioso.
·A súa técnica: mancha directa e contrastada.
·Unha paleta con tons intensos: desde o carmín ao verde verones, azul ultramar ou violeta, pasando por verdosidades neutras, grises rosáceos e verdes azuis, sen outro asidero que a mancha e cunha pincelada algunhas veces en exceso empastada.
·Pintor imprescindible no repertorio da arte Galego da 1ª metade do século XX.
·Fiel a si mesmo e nada preocupado pola técnica formal e si por transmitir nos seus cadros un sentimento autenticamente galego.

Considerado como un dos mellores pintores galegos da sua época, Eugenio Guzmán, definíuni como "impresionista e sensacionalista ao mesmo tempo". Soupo captar perfectamente a luz cambiante das mañás e atardeceres galegos. Imeldo Corral deixou unha producción de máis de duas mil obras.

 

Sociedade