A importancia da prevención do cancro de colon e recto

A importancia da prevención do cancro de colon e recto

27 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes, dende a Concellería de Sanidade e en colaboración coa AECC (Asociación Española contra el Cáncer) organiza unha xornada informativa sobre a prevención primaria do Cancro de Colon e Recto o vindeiro 31 de marzo de 2010. Nesa xornada celébrase o Día Mundial do Cancro de Colon e Recto.

O próximo mércores estará dispoñible para todo o público que queira achegarse e obter información ao respecto, unha mesa informativa no Centro de Saúde de Ordes de 9.00 h a 14.00 h. O persoal encargado de repartir a información serán membros da xunta local ordense da Asociación Española contra el Cáncer, coordinados pola súa Presidenta.

 

Tal e como explican os expertos, os principais factores de risco modificables do cancro de colon e recto son a dieta, o exercicio físico e o non consumo de alcohol. Unha parte significativa (entre o 50 e o 70%) dos cancros de colon e recto poderíanse previr cunha dieta rica en frutas e verduras, evitando ou moderando o consumo de bebidas alcohólicas e facendo exercicio físico regular.  A detección precoz do cancro, mediante a proba de detección de sangue oculta en heces, realizada cada 2 anos, é unha estratexia de eficacia demostrada para reducir a mortalidade por este cancro nun 17%.

 

Segundo palabras do Concelleiro de Sanidade de Ordes, Xesús Pedreira, “a preocupación desta concellería dende o seu inicio, con programas como Ordes Saudable, é a de facilitar aos nosos veciños toda a información necesaria para previr todo tipo de enfermidades a través de hábitos de vida saudable. Por iso, consideramos fundamental levar a cabo actuacións de promoción da saúde que se dirixan directamente á alimentación, o consumo de alcohol, o exercicio físico ou o consumo de tabaco que terán impacto positivo, a medio e largo plazo, na prevención de enfermidades crónicas e de diversos tipos de cancro, incluido o cancro colorrectal".

Sociedade