A importancia das Matemáticas

A importancia das Matemáticas
18 de Xaneiro, 2024 - 12:01 h. | Publicada por Radio Fene

“Están detrás de moito do que facemos e fan que funcionen moitas cousas da nosa vida”. As Matemáticas son protagonistas esta semana no ciclo de divulgación científica Contandociencia. A doutora en Matemáticas Erika Diz Pita dará a conferencia titulada “Todas as matemáticas á vez, en todas partes” este xoves, día 18, ás sete e media da tarde, na Casa da Cultura de Fene.  

ESCOITA O PODCAST:

“Sempre é unha alegría volver a casa”, di esta exalumna do IES de Fene de impresionante curriculo académico. Fixo traballos de investigación centrados no estudo cualitativo de sistemas dinámicos e ecuacións diferenciais e é quen de explicalo. “Calquera cousa que evolucione no tempo pódese representar cun sistema dinámico”. Por exemplo, “con ecuacións diferenciais tense estudado como ía ser a evolución da pandemia, cantos infectados ía haber en cada momento, ou como evolucionan un depredador e unha presa que coexisten, nun mesmo ecosistema, ou a coexistencia de dúas línguas nun territorio”.

“As Matemáticas son o meu traballo, non as calificaría de divertidas, pero eu prefiro estudar Matemáticas que Historia”. Moitos estudantes senten ansiedade cando se enfrontan ás Matemáticas, segundo o informe PISA, contaxiados ao parecer polo que lles transmiten familia e profesores. “Hai unha tendencia a pensar que son algo difícil, unha crenza de moita xente que pode influir”, opina Erika Diz Pita. 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora