Imputados os concelleiros da Xunta de Goberno do Concello de Santiago

Imputados os concelleiros da Xunta de Goberno do Concello de Santiago

15 de Outubro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Os sete concelleiros presentes na Xunta de Goberno do Concello de Santiago que aprobou o pasado 30 de maio pagar os gastos de defensa ao edil Adrián Varela, imputado na 'Operación Pokémon', recibiron un auto no que se lles imputa por prevaricación ao tomar esta decisión. A doctrina do Tribunal Supremo establece que un concello pode pagar con cartos públicos eses gastos, pero só unha vez que sexa absolto.

A voceiro do goberno municipal e da Xunta de Goberno, María Pardo, informou da recepción do auto que cita os sete edís a declarar ante o Xulgado de Instrución Número 1 de Santiago de Compostela o 19 de decembro. Os concelleiros compostelanos imputados son Amelia González, Juan de la Fuente, Francisco Noya, Cecilia Sierra, José Luis Bello, María Castelao e a propia María Pardo, quen defendeu que a decisión de aboar a defensa a Adrián Varela "se axusta a dereito" e considerou que "hai unha persecución política clara".
A imputación destes sete concelleiros do PP en Santiago de Compostela tras aprobar que se lle pagase a defensa a outro edil implicado na Operación Pokémon supón que dez dos 13 edís cos que conta o PP na corporación compostelana están imputados nalgunha causa xudicial. Compre lembrar que ademais dos citados, nesta causa permanecen imputados o propio alcalde de Santiago, Ángel Currás; a edil de Xuventude e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez; e o concelleiro de Deportes, Adrián Varela.
A eles habería que engadir a Albino Vázquez, quen dimitiu como edil de Tráfico e Seguridade Cidadá tras quedar libre baixo fianza de 15.000 euros despois de declarar ante a xuíza Pilar de Lara pola súa implicación na 'Operación Manga', derivada da causa principal.

Sociedade