Inícianse os peches de profesores para protestar contra “a morte lenta das Escolas de Idiomas”

Inícianse os peches de profesores para protestar contra “a morte lenta das Escolas de Idiomas”

05 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Os profesores da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol iniciaron esta mañá un peche en protesta pola circular da Xunta de Galicia que establece a organización académica deste curso. Os docentes aseguran que as ordes do Goberno galego supoñen unha redución do cadro de persoal e unha merma da calidade do ensino. A mesma medida reivindicativa realizarase en datas sucesivas nos distintos centros da comunidade.

“A circular da Xunta supón a morte lenta das Escolas Oficiais de Idiomas”. Asegurouno en Radiofusiòn a directora do centro de Santiago, Esperanza Moreiras, quen cualificou de “ilegal” o requirimento do Goberno sobre o número de horas que ten que impartir cada docemente. Moreiras laiouse tamén do recorte das clases complementarias, xa que entende que son de grande importancia para que os alumnos perfeccionen determinadas habilidades como a expresión oral. A directora da Escola Oficial de Idiomas de Santiago lanzou duras críticas contra os responsables da Consellería de Educación, aos que acusa de mentir e cerrarse a calquera tipo de diálogo.

O sindicato estudantil Comités manifestou o seu apoio ás protestas dos profesores e animou aos alumnos a implicarse no amplo calendario de mobilizacións que arrincou nesta xornada. Os docentes de Ferrol manterán o seu peche ata mañá martes. Tomarán o relevo en Pontevedra (días 13 e 14), A Coruña (13 y 14), Vigo (15 y 16), Ourense (19 y 20) e Santiago (21 y 22). Faltan aínda por concretar as datas das escolas de Lugo, Monforte, Viveiro, Ribadeo e Vilagarcía, que tamén se sumarán ás protestas.

Sociedade