A infancia marca

Hai 110 anos que nacía en Ferrol Ricardo Carvalho Calero
13 de Novembro, 2020 - 11:24 h. | Publicada por Radio Fene

Co teólogo e linguísta, Martinho Montero, analizamos o moderno Ferrol da infancia de Carvalho Calero e a familia burguesa na que nace.

ESCOITA O PODCAST:

O 30 de outubro de 1910 naceu en Ferrol Ricardo Carvalho Calero. O lugar de nacemento marca a un escritor e o profesor ferrolán non é unha excepción. Na súa obra aparecen moitas referencias á súa infancia e adolescencia na cidade departamental. O seu biógrafo Martinho Montero axúdanos a explicar o seu entorno familiar e urbano.

“ A familia de Ricardo Carvalho Calero é unha familia burguesa. Cando el nace o seu pai, antes un simple escribán, conseguira erguer unha empresa relacionada co sector da construcción naval” afirma Montero. Como home activo e intelixente que era, soubo sacar partido a unha cidade que se converte na máis moderna de Galicia grazas a unha orde real pola que se decide reconstruir a flota. Como España é país neutral na 1ª Guerra Mundial, isto favorece moito a economía do país e da familia. Neses primeiros anos do século XX  Ricardo describe Ferrol Vello como unha cidade renacente, chea de técnicos ingleses que veñen a encabezar a obra naval. Existen comercios cos letreiros en inglés, érguese unha capela para o seu culto. En fin, unha sociedade moi próspera.

A familia de Carvalho Calero, con casa na rúa San Francisco, era unha familia burguesa, con dúas criadas e veraneos fora de Ferrol. Nos primeiros anos de vida de Ricardo, viven folgadamente, ata que no ano 1919 chega a pandemia da gripe e sobrevén a morte da nai. Neses anos 1918-1919 tamén se produce a crise de subsistencia con grandes fames producidas pola inestabilidade do mundo rural. Pero en 1916 Carvalho Calero comeza os estudos na Universidade de Santiago e Ferrol xa deixa de ser o seu único referente.

Cultura

Publica o teu comentario agora