Insignia de ouro ao fundador do Tívoli.

Luís Ramón Villar é o sexto empresario en recibir a distinción de mans de IEN por Europa
16 de Decembro, 2019 - 01:20 h. | Publicada por Radio Fene

IEN por Europa -Iniciativa Empresarial do Noroeste- entregou a súa Insignia de Ouro a Luís Ramón Villar Hernández, fundador de Recreativos Tívoli.

IEN por Europa -Iniciativa Empresarial do Noroeste- entregou a súa Insignia de Ouro a Luís Ramón Villar Hernández (Xixón, 1938) en recoñecemento ao seu carácter emprendedor, que desenvolveu durante varias décadas na comarca de Ferrol, e á súa colaboración coa entidade, na que formou parte do equipo directivo. O presidente de IEN, Manuel Pérez Pérez, subliñou a valía profesional de Luís Villar e expresou o agarimo de toda a asociación a un home que "representa o valor do emprendimento e a tenacidade, feito a si mesmo e dunha calidade humana excepcional".

Luís Ramón Villar traballou desde os 14 anos. Comezou como axudante dun fotógrafo no seu Xixón natal e aos 15 entrou como aprendiz en Duro Felguera, onde a súa  habilidade como soldador valeulle o premio do Campionato Asturiano deste oficio. Era fillo de viúva e exercía como cabeza de familia, de maneira que se empregou a fondo: terminou o seu período de aprendizaxe un ano antes do habitual e tivo que renunciar a un curso de aeromodelismo, disciplina que lle atraía moito. Traballando en Duro Felguera xurdiulle a oportunidade de vir a Ferrol e empregarse na Sociedade Metalúrxica Felguerina.

Nesta cidade formou a súa familia e iniciou o seu camiño empresarial. Foi prolífico en iniciativas: construíu o "Chiringuito O Piñeiral" da praia de Cabanas; abriu a cafetaría Tívoli, que pronto cumprirá 50 anos; logo naceu Recreativos Tívoli, e continuou creando ou participando en máis empresas no ámbito da construción, a electricidade, os mobles, as persianas... Tamén fixo a súa incursión no mundo da gandaría e fundou, no ano 92, a empresa Xalo Alta Xenética de Galicia, coa que obtivo o recoñecemento ao mellor criador de Galicia. Actualmente xa está xubilado, pero segue implicado en proxectos de futuro, como é unha plantación de máis de 40.000 castiñeiros.

IEN por Europa concedeu a súa Insignia de Ouro anteriormente a Amarelo de Castro, Vicente Calvo, Roberto Tojeiro, Evangelina Barros e Candido Hermida. Trátase da máxima distinción da organización empresarial.

Sociedade

Publica o teu comentario agora