Interese polo aparcadoiro para bicicletas en madeira

Interese polo aparcadoiro para bicicletas en madeira
02 de Xullo, 2020 - 12:17 h. | Publicada por Radio Fene

Unha aplicación informática permitirá contabilizar todos os quilómetros realizados ao longo do ano. Será unha das prestación do aparcadoiro para bicicletas deseñado no Centro Integrado de FP Ferrolterra. O proxecto recibiu un premio de máis de 33.000 euros na convocatoria dirixida a iniciativas de innovación nos ciclos formativos.

ESCOITA O PODCAST:
Juan Santalla, coordinador do proxecto BENenBICI

O concello de Narón xa se interesou polo proxecto para inscribilo na promoción do uso da bicicleta. Non se trata dunha probeta ou dunha maqueta. Van facer un proxecto que ten que funcionar, segundo o coordinador do proxecto Juan Santalla. En principio barallan a idea de que o aparcadoiro sirva para seis bicicletas e ocupe unha praza de aparcamento dun vehículo turismo. Pero como aínda non teñen o prototipo non poden precisar a capacidade.

Os aparcadoiros serán de madeira, cubertos e dotados dun punto de recarga eléctrica. O proxecto chámase “BENenBICI” e intenta fomentar os desprazamentos en bicicleta para acudir ao centro. Ademais de ensinar carpintaría ao alumnado, promóvense hábitos saudables e sostibles. Os aparcamentos levarán unhas placas solares para que as bicicletas eléctricas poidan recargarse mentres duren as clases.As propostas do prototipo sairán da Escola Universitaria de Deseño Industrial para elixir o modelo final que se fabricará. O Rodolfo Ucha desenvolverá a aplicación informática.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora