Internista no Sahara

Internista no Sahara
20 de Agosto, 2019 - 01:27 h. | Publicada por Radio Fene

Raquel Gómez é unha médica internista que en 2017 decidiu comezar a acercarse ao voluntariado en campos de refuxiados. A ensnanza lle pareceu tan enriquecedora e necesaria que repetiu en dúas ocasións máis. Nesta entrevista conta como un médico internista pode axudar aos máis desfavorecidos, en lugares do mundo onde o acceso á sanidade é dificultoso para gran parte da poboación.

Onde estiveches como voluntaria?

Nos campos de refuxiados saharauís localizados en Tindouf (Argelia). Estiven en terreo en tres ocasións (Decembro 2017, Xuño 2018 e Decembro 2018).

En que consistiu a túa experiencia?

Acudimos unha pequena comisión médica-cirúrxica conformada por un médico internista, un médico de familia, dúas enfermeiras, unha xinecóloga, un pediatra (nunha das ocasións) e un equipo de podólogos especializados na cirurxía de pé, coordinados todos por Noelia Porto Isla (enfermeira e podóloga).

A través de que organización fuches como voluntaria?

Acudín a tavés de SOGAPS, que é unha asociación galega dedicada á axuda do pobo saharauí (teñen distintas liñas de cooperación). A coñecín mediante SOGAMI, posto que SOGAPS contactou coa nosa sociedade para pedir colaboración difundido entre os seus socios a necesidade dun internista voluntario para a misión e solicitando tamén a axuda económica que fose posible para costear o traslado de dito internista a terreo. Enviei a solicitude e fun seleccionada. O meu primeiro viaxe a terreo o costeou en parte SOGAMI e en parte eu. Facía tempo que tiña ganas de dar un paso máis, realizar algún voluntariado médico para poder aportar os meus coñecementos e axudar a xente que, por desgracia, non ten acceso a un dereito fundamental como é a sanidade, pero nunca puiden levalo a cabo porque as misións adoitan ser de longa duración e iso é incompatible coa vida laboral. O feito de ser unha misión curta (12 días) á que puidese ir nas miñas vacacións e de ter colaboración da sociedade científica deume o empurrón que necesitaba.

Tiveches que realizar algunha formación específica previa?

Si. SOGAPS apórtanos, antes de ir en misión, información sobre a situación en terreo, de que recursos dispoñemos, os escasos protocolos de saúde que teñen nos campos, etc.

Como valoras a túa experiencia?

Podo dicir que é unha das mellores experiencias que tiven na miña vida. Aínda que teño que dicir e, creo que é moi importante remarcalo para todos aqueles que queiran embarcar en algo así, que non se debe buscar a experiencia persoal como primeira finalidade cando se fai un voluntariado, iso ten que ser un extra que te atopas. O fin debe ser intentar axudar na medida que se poida, asumindo que non vas salvar o mundo nin ser o heroe da película, senón aportar nun momento puntual algo do que alí non dispoñen (no meu caso médicos que atendan a enfermos e medicamentos que non habería alí se a axuda humanitaria non os enviase).

Que aprendiches na túa experiencia?

A nivel profesional aprendes a traballar co que tes (moitas veces faise “medicina Macgyver”), nun medio completamente inhóspito e coa barreira idiomática, así como cultural. A nivel persoal a aprendizaxe é inmensa; é vivir en primeira persoa a dureza da vida e a inxustiza do mundo no que vivimos. Dos saharauís pódese aprender o que é a loita e a perseveranza, a resistencia na dureza do deserto máis inhóspito do planeta, a xenerosidade de dar ata o que non teñen, a hospitalidade das súas haimas e o cariño e agradecemento sincero por tan pouco.

Que cres que aporta un médico internista como voluntario?

A medicina internista é unha especialidade xeral e integral, así que en terreo podemos atender a un grupo de pacientes amplo e heteroxéneo.

Que aporta o voluntariado a un médico internista?

Ao médico intenista, igual que a calquer outro médico, lle aporta unha visión diferente da medicina, capacidade de adaptación a calquer escenario e poñer en moi alto o valor do que supón o traballo en equipo (tan importante, e que en ocasións co ritmo de traballo e de vida actual olvidamos).

Sociedade

Publica o teu comentario agora