Investigar sobre a comarca do Eume

Investigar sobre a comarca do Eume
06 de Xullo, 2020 - 12:02 h. | Publicada por Radio Fene

As persoas interesadas en participar na vixésimo terceira edición do Premio de Investigación Concello de Pontedeume teñen de prazo para presentar os traballos ata o 17 de agosto. Estarán escritos en galego e terá unha extensión mínima de 50 folios e máxima de 100, segundo reza nas bases.

ESCOITA O PODCAST:
Igrexa de San Martiño do Porto. Cabanas

A biblioteca municipal de Pontedeume volve á actividade ao grande, cunha nova convocatoria do Premio de investigación Concello de Pontedeume que cumpre 23 anos. “Un premio pensado para que se investigue sobre a comarca nos aspectos etnográfico e antropolóxico” explica o bibliotecario e mentor do galardón. Alexandre Caínzos cre que os 1140€ en metálico e a publicación do traballo na revista Cátedra, son atractivos suficientes para calquera investigador. “Non se presentan demasiados traballos porque a temática é moi concreta e a área de investigación abrangue unha comarca pequena” pero aínda así o premio leva funcionando 23 anos e aportando a Pontedeume uns estudos que non acadaría doutro xeito.

Se preguntamos a Caínzos por algún traballo preferido dos presentados neste tempo responde “Todos, con maior ou menor calidade, todos aportaron algo”. Nesta 23 edición o Premio de investigación concello de Pontedeume non varía as súas bases que xa están publicadas. A portada da revista Cátedra deste ano será un documento relacionado coa exposición do 750 aniversario da fundación da vila eumesa. A exposición que organiza o concello de Pontedeume con ese motivo, será en agosto, ocupando toda a Casa da Cultura. “Vai ser algo digno de ver” sentencia o bibliotecario.

Tras o pau tremendo que supuxo a alarma sanitaria a Alexandre Caínzos, todo vai volvendo á normalidade, ou máis ben á “anormalidade” como denomina Caínzos a actual situación. “A nosa biblioteca antes era un fervedoiro de xente, coñecémonos todos e temos unha relación moi familiar. Agora todo vai con cita previa, colas fora, libros en corentena…unha anormalidade”. O centro adoptou o horario de verán, de 10 a 13.30h.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora