Jesús Lázare enche coa súa pintura a Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos en Lugo

Jesús Lázare enche coa súa pintura a Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos en Lugo

05 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da área de Cultura do organismo provincial, Antón Bao, inaugurará hoxe, ás 20.00 horas na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos a mostra de pintura “Lázare. Memorias 1994-2009”. O acto contará coa presenza da directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro, e do propio artista, Jesús López Lázare.

“Memorias” é unha recompilación da obra deste artista plástico lucense, aínda que tamén presenta moito traballo inédito e outro, coma os debuxos, que forman parte da súa última produción. As súas composicións, formato e soportes son clásicos, e contrasta cos complementos e os ambientes nebulosos, esvaecidos que rodean os motivos centrais da súa obra. Combina a sobriedade do lapis co cromatismo matizado do óleo, proporcionando en todas as súas obras unha serena beleza, unha figuración atemporal, un realismo pretérito.

 

Nesta exposición de Lázare, o público atoparase, en primeiro lugar, cunha escolma de óleos para logo pasar a outro espazo onde se reúnen os seus debuxos, case todos recentes. Todas as imaxes representadas provocarán no espectador preguntas e respostas e tamén, espero, misterio e reflexión.

 

Esta exposición permanecerá aberta ata o 30 de decembro e poderá visitarse de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 h.; os sábados de 10:30 a 14 h. e 16:30 a 20 h. e os domingos e festivos de 11 a 14 h.

Cultura