Jorquera demanda a Industria solucións para as “zonas de sombra” da TDT

Jorquera demanda a Industria solucións para as “zonas de sombra” da TDT

31 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentaria na Cámara Baixa para demandar ao Ministerio de Industria solucións para as diferentes poboacións situadas nas denominadas “zonas de sombra”. Este é o caso de case 7.000 cidadáns de moitos núcleos da provincia de Lugo, que non poderán sintonizar a TDT despois do 3 de abril de 2010, cando se produza o último apagón analóxico.

Jorquera amosou a preocupación do BNG de cara a última fase do apagón analóxico, xa que “existen unha serie de problemas que aínda non teñen unha solución clara e definida. En concreto, refírome ás denominadas “zonas de sombra”, lugares aos que non pode chegar a TDT, como é o caso de 7.000 habitantes da provincia de Lugo, aproximadamente o 2% da poboación, que non poderán sintonizar a TDT”.

 

 

A proposta de sinal vía satélite ten custes e implica estar un tempo sen tv

 

O deputado nacionalista recoñeceu que unha das posíbeis solucións que se manexan é a de transmitir o sinal vía satélite, “pero os afectados terán que estar durante un tempo sen poder ver televisión, posto que non se pode solicitar a colocación das antenas até que non se produza o apagón. Sen esquecer que terá custes para eles”. Por esta razón, Jorquera pediu a concesión de subvencións ou axudas para os que están nesa situación.

 

O parlamentario apelou ao Plan de Actuacións de Apoio a colectivos con risco de exclusión nos Proxectos de Transición da Fase I do Plan Nacional de Transición. “Un Plan que ten por obxecto a posta en funcionamento de mecanismos de información preferente, protección e especial atención dirixidos aos integrantes dos colectivos que presentan especial risco de exclusións no proceso de transición tecnolóxica”.

Sociedade